Os dous primeiros anos non chegamos a representar. Cando asomaba a primavera, as distintas cuadrillas que formaban o grupo decidían cambiar a hora de teatro pola praia, aí ela, tan á beiriña. O mar e o sol tamén son bos recursos para comunicarse e relacionarse, aínda que sexa fóra do teatro. Sería no curso 2006-07 cando estreamos o primeiro espectáculo, Edelmiro II e o dragón Gutierrez, de Fernando Lalana, un texto cómico de corte fantástico situado no medievo. Este ano sería emocionante porque eu remataba un ciclo cun grupo de alumnos que viñamos de traballar xuntos desde 3º de primaria no CEIP A Rúa. Este grupo foi especial porque ao longo destes anos teceuse unha urdime compacta entre a familia, a ANPA, a dirección do centro e o grupo de teatro formado por unha panda de amigos que logo irían ao instituto: Artai Santos, Bernal Torrado, Iria Otero, Juan Molina e Hugo Fandiño. Tamén sumamos as incorporacións de André Soaxe, Jesús Costas e a de Carlos Xosé Sequeiros. Sabendo que para o ano seguinte non estarían comigo pero si seguirían facendo teatro con Antón Lamapereira, quixen adaptar o final da obra e facer unha despedida-homenaxe de acorde á clásica viaxe iniciática do conto popular. Eles deberían continuar o seu camiño-separación, e eu, despois de todo, aceptalo. A estrea foi na XI MOTESMO, celebrada no Colexio San Narciso de Marín. Neste espectáculo utilizamos material reciclado de outros anteriores que fixeramos n´A Rúa. A algúns, o vestiario xa lles quedaba estreito.

Cada ano comezamos o curso con exercicios moi variados. Este é un tempo de preparación e adestramento que vai desde outubro a decembro. Unha pregunta frecuente cando estamos a facer estes exercicios é: Pero que ten que ver este exercicio co teatro? Poñamos que o grupo improvisa unha orquestra de voces, ou dá palmadas a ritmos distintos. Isto que ten que ver co teatro? Pode que nada, mais estamos traballando a coordinación, o ritmo, a escoita, a concentración... estamos creando un diálogo entre o grupo. Axudámonos de distintas disciplinas e técnicas que nos serven como preparación para a actuación e tamén para facer un grupo de traballo homoxéneo. Os grupos están formados por persoas de distintas idades que están vivindo cousas diferentes. En ocasións fórmanse pandas que crean tensións entre elas, outras veces hai dificultades á hora de relacionarse ou integrarse, tamén está a falta de implicación de algún membro. Todo avanza en continuo movemento e as dificultades que van xurdindo, trabállanse durante este tempo, para que, á hora de comezar os ensaios da obra, todo se desenvolva con fluidez.

Comezar a ensaiar unha obra implica responsabilidade. Esíxeselles a todas e todos un compromiso de continuidade que algunhas veces non se respecta. Se abandonas o grupo no tempo de ensaio deixas mancos aos teus compañeiros. Dá mágoa ver como ás veces vanse persoas que necesitan o teatro como terapia para traballar as dificultades. Incluso en ocasións, o departamento de orientación do centro recomenda a algúns alumnos o teatro como actividade para relacionarse e integrarse.

As rapazas e os rapaces piden teatro cómico, queren pasalo ben. Nesta liña foron os dous espectáculos seguintes, mais con estilos diferentes. En 2007-08 montamos un clásico da comedia francesa, O enfermo imaxinario de Moliére. O elenco estaba formado por Alejandro Ortega, Isabel e Sara Martínez, Miguel Casas, Carlos Xosé Sequeiros, Adrián Otero e Anxo Méndez. En 2008-09 A princesiña Socorro, o trobeiro Carolo e o demo dos cornos, de Gloria Sánchez e Miguel Vázquez, unha aventura medieval que se desenvolve no Camiño de Santiago. Este ano repiten todos do ano anterior menos Carlos Xosé que pasa ao outro grupo. Incorpóranse Nuria Cabezón, Uxía Lagoa, Antón Torrado, Adrián Gómez, Yohel Santos, Sofía Piñeiro, Mariña Santos, Iria Núñez. Estreamos na XII Motesmo no IES as Barxas de Moaña. Neste curso Antón Lamapereira deixa de dirixir o grupo de teatro Faise o escuro e o levarei eu durante os dous anos seguintes.

En 2009-10 facemos con Teatro A Réplika Cousas da guerra, unha selección de textos de Pim, pam, clown. (La guerra de los payasos), de Tomás Afán. Esta obra en clave de clown, está dividida en varios números que tratan sobre o absurdo das guerras. Incorporamos entre cada número uns vídeos con escenas fortes sobre os nenos soldado. Para estas escenas foi creado un espazo sonoro que rechiaba. Formaban o grupo Andrea Pérez, Sergio Fernández, Greta Camino, Noelia Rosendo, Antón Torrado, Yohel Santos, Sofía Piñeiro, Alexandre Otero.

Con Faise o Escuro poríamos en escena a comedia de intriga Todo é horrible, moi horrible e eu tamén, de Roberto Salgueiro. Participaron Adrián Otero, Carlos Xosé Sequeiros, Alejandro Teixeira, Jesús Costas, Javier Antepazo, Alba Piñeiro, Nuria Cabezón. Estreamos os dous espectáculos no IES María Soliño dentro da XIII MOTESMO.

2010-11. Faise o Escuro representa nesta ocasión Cloacas do Paraíso, un texto ácido de Jorge Díaz que fai unha dura crítica á relixión. Esta obra é a primeira que ten unha posta de escena que se afasta do realismo, tamén do fantástico, e aproxímase máis ao simbólico. Interviñeron neste espectáculo Jesús Costas, Alba Piñeiro, Alejandro Teixeira, Javier Antepazo, Yohel Santos. Alex comenta que se lembra do día que estivemos buscando e cortando sons ata as tres da madrugada. Tamén lembra o corte que lle peguei ao texto que case a deixo manco. Nostálxico, acaba dicindo que se houbese un grupiño de xente da súa idade con ganas de facer teatro, el meteríase.

Teatro A Réplika leva a escena un texto de Juan Molina, un antigo alumno do instituto e do grupo de teatro. Titúlase Nacer, nacendo, nazismo e está composto de varias escenas inspiradas en películas clásicas de humor tanto en branco e negro como en cor. O grupo estaba formado por Óscar Lemos, Sergio Fernández, Víctor Boubeta, Andrea Pérez, Noelia Rosendo, Nuria Cabezón, Andrea Otero, Yohel Santos. Os dous grupos representaron as súas obras na XV MOTESMO que organizou o IES de Rodeira no Auditorio de Cangas.

Sergio Fernández, que fixo tamén teatro en primaria durante moitos anos comenta: despois de saír ao escenario diante de tanta xente perdes a vergonza. Iso fíxome máis aberto. Unha das cousas que teño ganas de facer agora é dobraxe, un pouco impulsado por facer teatro. Na casa descargo vídeos en outros idiomas e poño voces aos personaxes. Nunca se sabe o que pode ocorrer.

2011-12. Neste curso reagrúpanse as dúas formacións en Teatro A Réplika. Despois dun tempo de confrontación, A decisión de Fausto, texto que representamos este ano, supuxo a miña volta á escrita, á deriva desde o Prestige. Xa andaba matinando sobre o tipo de textos que traballamos en secundaria e a dificultade que atopamos á hora de elixir un que trate sobre temáticas próximas á adolescencia. Estaba moi ben facer comedia pero tamén había que afondar noutros xéneros dramáticos e buscar temas comprometidos como xa fixeramos en Cloacas do paraíso. A decisión de Fausto é unha reinterpretación do Fausto de Goethe. É a versión do Fausto actual. Representa a ascensión e caída dun músico que escolle a fama en detrimento da amizade e o amor. Con música en directo, bailes do ventre e o espazo baleiro, fixemos unha posta en escena contemporánea con influenzas brechtianas. Estreamos na XVI MOTESMO organizada por Illa de Tambo de Marín no Auditorio de Cangas. Neste espectáculo participaron Óscar Lemos, Claudia Gael, Sheila Carracelas, Belén Rodal, Miriam Otero, Víctor Boubeta, Jesús Costas, Alex Teixeira e tamén Yohel Santos e Andrea Pérez, compoñentes do grupo que na actualidade están cursando estudos de interpretación na ESAD de Galicia. Andrea, que fai teatro desde 3º de primaria e este ano comeza 3º de interpretación xestual, comenta o que foi para ela o seu inicio no teatro: "No momento en que comecei a facer teatro non sabía aínda onde me metía, pero as clases avanzaban e cada vez ía coñecendo máis aos meus compis e collendo máis seguridade. Podo dicir que houbo un momento que o teatro me decepcionou. Non me gustaba aprender o texto! Non me gustaba sentarme a memorizalo, pois como calquera rapaza de oito anos desexaba brincar con xogos máis dinámicos como os que faciamos antes de comezar os ensaios. Pero as clases aportáronme máis cousas boas que fixeron que me enganchara ao teatro como unha lapa. Seguramente, se non tivera a oportunidade de apuntarme desde pequena a esta actividade, non houbera descuberto nunca o que é o teatro".

2012-13. Este ano preparamos Mórdeme, da actriz e dramaturga galega Inma António, unha comedia satánica que comeza nun Congreso Secular do cal xorde unha disputa entre dous grupos de vampiresas. Na actuación que fixemos no Colexio Eduardo Pondal, organizador da XVII MOTESMO, incorporamos a un novo actor, o responsable de mantemento do colexio, que introducía en escena con moita comicidade unha escaleira que facía de gaiola. Cando actuamos no Auditorio de Cangas volvémosllo a pedir e xa non lle gustou tanto a idea. De todos os xeitos quedámoslle agradecidos por facernos pasar tan bo rato. O grupo estaba formado por Yohel Santos, Óscar Lemos, Víctor Boubeta, Benjamín Malvido (Benyi), Andrea Pérez, Mariña Santos e Antía Riobó.

2013-14. O ladrón de palabras, de António de la Fuente Arjona, foi o texto que eliximos para representalo dentro da XVIII MOTESMO que se celebrou no IES As Barxas de Moaña baixo a actuación de María Santos, Julio Ortega, Tomás Soaje, Antía Riobó, Víctor Boubeta, Aitor Gandón, Arán Langarica, Iván Vaqueiro, Selena Cruz, Javier Rodríguez, Juan Jesús Mariño.

2014-15. Os catro mosqueteiros na procura do pai do rei, é unha adaptación do texto Los tres mosqueteros buscando a Dartañán, de Javier Veiga, Chani Martín e Javier Coll. O grupo estaba formado por Tomás Soaje, Antía Riobó, Víctor Boubeta, Aitor Gandón, Arán Langarica, María Santos, Javier Rodríguez, Miguel Chapela. Participamos con esta obra no IES María Soliño na XIX edición da MOTESMO.

2015-16. As guerras son como a peste, as guerras relixiosas tamén. Siria estaba sendo masacrada polos seus e polos de fóra. É coma unha lapidación, todos a tirar pedras. Este tema chegou fondo e escribín Éxodo. A viaxe de Burhan, para que o grupo reflexionase sobre a guerra e o ser humano. Situado na contenda Siria, o texto pon en escena a un adolescente sirio que emprende unha viaxe na procura dun lugar utópico. Esta é a obra máis plástica que fixemos. Utilizamos linguaxes e técnicas como o teatro de actor, retroproxeccións, distintos tipos de sombras, obxectos, materiais reciclados e incluso pirotecnia. Estralos, claro, que non hai orzamento para máis. A idea era representala en espazos alternativos para que o público puidese estar cerca. No escenario creamos distintos espazos, tanto para os actores, sombras como para os monecos, incluso ás veces compartíanse. Os monecos estaban feitos coa técnica da papiroflexia. Carecían de movemento pero creaban imaxes. Tamén integramos a poesía de Rosalía para non esquecer o que se sente nos momentos de soidade e morriña cando un emigra e está perdido. Formaron este grupo Aitor Gandón, Javi Rodríguez, Tomás Soaje, María Santos, Antía Riobó, Laura Piñeiro, Ada Figueira, Clara Barcia e o noso comodín Victor Boubeta que despois de tantos anos aínda está cando se necesita. Este ano estreamos en Bueu na XX MOTESMO e fixémola nun pequeno ximnasio.

2016-17. Unha parte do grupo quería facer comedia e a outra drama. Este ano si que estaba complicado. Pero atopei Pros e contras, de Tahiche Rodríguez, unha comedia moi dramática que poñía diante o tema da crise e como repercutía esta na sociedade con consecuencias tan graves como o desafiuzamento e o suicidio. Este ano pasou algo curioso porque Fernando de Peroy, que o curso anterior fixera de técnico de son no Colexio Eduardo Pondal, cambiaba de instituto e chegaba ao noso grupo. A súa idea era a de seguir de técnico e non actuar. Eu sorrín por dentro e pensei: Imos desperdiciar a un actor para metelo no son? E dixen, si, si. No momento que tivemos o texto había que repartir os personaxes. O problema estaba no amplo texto do actor principal que abarcada case a metade do total. Este personaxe estaba entre tres actores. Cando expuxen o problema, Fernando decidiu aceptalo no momento. Como son as cousas.

A nivel interpretativo, a representación que fixemos no Auditorio de Cangas dentro da programación do CITEAMOR, foi unha das mellores que vin. O grupo medrou bastante. Xenial María Santos e Sara Malvido, na mesma liña Aitor Gandón e Tomás Soaje e con Laura Piñeiro e Iker Lemos quedei sorprendido de como foron superando as dificultades. E que podemos dicir do incombustible Víctor Boubeta? Que é xenial, non só por interpretar senón por toda a calor e seguridade que lle dá ao grupo.

Queremos agradecer tanto á ANPA como á dirección do centro toda axuda prestada e a boa coordinación que existe. Tamén queriamos darlle as grazas a Cristina, Marga, Xosefa e Isabel por estar sempre con nós.

Remato xa cunha grata sorpresa. Escribindo estas liñas púxenme en contacto por WhatsApp con María Santos, unha experimentada alumna de teatro que rematou este ano o bacharelato. Ao longo do curso, ela dubidaba entre comezar os estudos de interpretación na ESAD ou non. A última vez respondeume que non, mais vaiamos á conversa. Pregúntolle: María, dime o que significou para ti a práctica do teatro durante estes anos. Responde: Pois mañá empezo a ESAD e a miña decisión foi tomada en gran medida grazas ao teatro que fixen no instituto. Contesta iso á pregunta?

Claro que si, María. Claro que si. Parabéns!!!