(Adicada a Mercedes, nai e señora; sempre na memoria)

O pintor galego Carlos Sobrino Buhigas, nace en Pontevedra en 1885 no seo dunha familia acomodada e de longa tradición artística. Despois dunha longa vida de permanente traballo falece na cidade de Vigo en 1978.

Por decisión familiar comparte a carreira de Comercio cos estudos de Belas Artes. Fai oposicións a cátedras de Debuxo e obtén o número un con destino en León . Volta a Vigo e traballa na Escola de Comercio e na de Artes e Oficios.

Carlos Sobrino era un home afable "a quen lle gustaba transmitir o sinxelo e o tradicional cunha visión doce da nosa terra, das aldeas galegas, da pedra e das súas igrexas". Expón no estudio fotográfico de Sáez-Mon en Pontevedra (1917) xunto ao seu bo amigo Alfonso R. Castelao e participa en varias exposicións internacionais sendo recoñecido con mencións honoríficas.

Viaxeiro por Galicia, gustáballe moito pintar acuarelas dos recunchos, rúas, cruceiros, canastros, ermidas, romarías, aldeas e casas vellas e reproduce nas súas obras escenas da vida cotiá das nosas aldeas. O pobo mariñeiro de Combarro é descrito nos seus traballos de arquitectura popular galega.

Na Alameda de Pontevedra deixou 23 azulexos con distintas paisaxes e escenas, rurais e urbanas, pintadas en 1927. Estes mosaicos constitúen a permanente e solemne representación da súa obra. Foron restaurados recentemente polo Concello no 2010.

Carlos Sobrino, pintor realismo postimpresionista, está representado en todos os museos de Galicia e en importantes coleccións de Europa e América.

Tivemos a sorte de que Carlos Sobrino parase na parroquia de Darbo e que pintase un cadro de raíz folclórica e de alegre colorismo titulado A Romaría. A igrexa da parroquia e o muro do cemiterio serven de fondo da escena principal que é a Romaría que cada oito de setembro xunta no adro da parroquia a moitos veciños e amigos. Os participantes asumen o seu papel con elegancia e autenticidade. O cadro de pequenas dimensións pódese ver nunha sala do segundo andar no Museo Provincial de Lugo. Este tipo de cadros moi fieis á realidade déronlle a don Carlos Sobrino moita popularidade en toda Galicia.

Andando os anos, este cadro serviu de pretexto para a gravación da película titulada Irei a Darbo dirixida polo cineasta Borja Brun, con guión de Santi Cortegoso e que contou co apoio da asociación Trébede e do esforzo na dirección artística de Miguel Sotelo e de moitos extras voluntarios.

Grazas aos artistas, creadores, técnicos, guionista, extras, músicos, bailadoras e bailadores, pola súa capacidade para conxelar e enlatar un momento da nosa historia tan nosa. O cadro de Carlos Sobrino volve ter vida, sae da sala do Museo de Lugo para achegarse ao lugar onde naceu, compartindo arte e perdurando no tempo a nosa benquerida Romaría de Darbo.

Irei a Darbo, por moitos anos!

(*) Secretario da Cepa/ Director de Trébede/ Fotógrafo e Director de Cine

BIBLIOGRAFIA

http://www.xoanarcodavella.com/2012/12/carlos-sobrino-buhigas.html

https://gl.wikipedia.org/wiki/Carlos_Sobrino_Buhigas

Gran Enciclopedia Galega. Tomo 28. Sobrino, páx. 203.