Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro escolar (XIII): IES de Rodeira (I)

O grupo teatral do instituto cangués arrancou con nove alumnos no curso 2000-2001 baixo a dirección de Lamapereira

Durante varios meses do curso 1997-1998 estiven dubidando se ía ou non solicitar traslado- adscrición chamouse administrativamente nese momento- do IES María Soliño ao IES de Rodeira. Alí levaba unha quincena de anos impartindo clases de Filosofía e Ética. Mais tamén daba clases de Teatro, compartindo horario con Pedro Pablo Riobó. Profesionalmente estaba satisfeito. E ademais gozaba da compañía de excelentes compañeiras e compañeiros.

Para que aventurarse de novo? En Rodeira non había teatro como asignatura pero, matinei, podería organizarse un grupo e ademais estaba o mar, a praia? e o reto de coñecer e convivir cun novo claustro. E como telón de fondo destes pensamentos, unha certa nostalxia: en Rodeira en 1983 no vello instituto, comezara a dar clases no Morrazo. Era coma pechar un ciclo.

Decidín que si. E foi unha moi boa decisión.

Mais por que esa teimosía en montar un grupo de teatro? Porque me gusta e porque ao longo da miña experiencia docente profesional experimentei o inmenso valor educativo do teatro a pesar de que a administración educativa non o teña debidamente en conta. Polo demais é algo que o propio alumnado estima cando se decide a entrar nun grupo. Lembro agora as declaracións de Lara Gallego na entrega anterior do Colexio Pondal - Faro de Vigo. Morrazo 27 de agosto - cando di que o teatro lle axudou a vencer a timidez, a darlle confianza en si mesma, á amplitude de coñecementos. Ou as motivacións que empurraron ás rapazas e rapaces cando lles preguntei en Rodeira porque desexaban facer teatro: porque é divertido representar escenas inventadas, porque serve para aprender a expresarse tanto oral como corporalmente ou porque é unha forma de representar diferentes personalidades e situacións e isto enriquece a propia personalidade...

Xa co destino no IES de Rodeira as circunstancias non foron propicias para levar adiante a actividade de teatro? Foi durante o curso 2000-2001 cando de acordo coa vicedirección do Centro convocouse a comezos de outubro a actividade extra escolar de teatro. O horario sería os martes de 16.30 a 18.00h. A pesar de non haber tradición anotáronse nove alumn@s de primeiro de bacharelato: Brayan García, David Fernández, Iria Chapela, Máximo Iglesias. Merche Rey, Miguel Rodríguez, Raquel Santos, Tania Castro e Tania Lanzós. : 5 rapazas e 4 rapaces. E Miguel Riobó o noso técnico de luz e son, alumno do Ciclo Medio de Electrónica. Velaí a primeira troupe escolar desta aventura teatral , inestable por definición, que con outras xoves "compañías" durou case dez anos. Neste tempo realizamos oito espectáculos de sala e 1 de rúa que logo comentarei moi brevemente. Mais o importante é que estas experiencias teñan continuidade e no IES de Rodeira semella vai tela pois xa desde o curso 2006-2007 está como monitor de teatro Xoán Carlos Riobó quen falará das súas vivencias na entrega da próxima semana.

Os ensaios comezámolos na última semana de outubro. No primeiro trimestre centrámonos en Exercicios de quecemento, Xogo Dramático, Voz e Expresión Corporal tentando conseguir un clima de desinhibición e de confianza no grupo que posibilitase o coñecemento e as posiblidades expresivas individuais e grupais. O segundo e terceiro trimeste adicáronse aos ensaios da obra. Neste periodo compre ter en conta o que saben facer, as súas habilidades pois poden aproveitarse no proceso de montaxe.

Este foi o esquema de traballo seguido, con poucas variacións, ao longo de toda a experiencia. Compre sinalar que despois da primeira peza que montamos houbo persoas que seguiron no grupo no curso seguinte acollendo deste xeito ás compañeiras e compañeiros que ían entrando no grupo. Cando a convocatoria para formar o grupo de teatro se extendeu aos cursos de 3º e 4º de ESO foise creando un maravilloso núcleo de "veteran@s"- hai quen chegou a participar en catro montaxes coma foi o caso de Miriam Martínez e Yanira Curra- que garantizaba unha positiva dinámica grupal nos ensaios, nas actuacións, na elaboración de notas de prensa,organización das viaxes, distribución de carteis, elaboración de entradas,carga e descarga de material, control de taquilla,etc.

Auto organización, responsabilidade, traballo en común, mecanismos de creación de un personaxe e da produción e distribución dun espectáculo? foron aspectos - a un nivel sinxelo mais significativos - do proceso de aprendizaxe. E tamén coidei que no desenvolvemento desta actividade percibisen unha certa apropiación "debida" dos espazos e medios dun instituto público: aulas, reproductora, teléfono.

Para contextualizar todo o que escribo hai que ter en conta as circunstancias dadas. Ser profesor no centro e ao mesmo tempo dirixir o grupo de teatro como actividade extraescolar supón, fóra de outras vivencias personais, vantaxes para o desenvolvemento do proxecto. Por exemplo, á hora de facer a convocatoria da actividade é máis doado buscar a complicidade das tutorías para que divulguen nas aulas e estimulen ao seu alumnado a participar na actividade ou implicar aos diferentes departamentos nas necesidades da montaxe (deseño de cartel e escenografía, tradución ou revisión lingüística do texto escollido, asesoramento musical, informático e de electrónica?

Desde logo no IES de Rodeira houbo compañeiras e compañeiros que colaboraron e que cito agora de memoria pedindo desculpas por posibeis esquecementos: Juan Sicilia, Arturo Fuentes, Ana María Gil, Lucía González, Cecilia Cueto, José Smyth, Xosefa Martínez, David Fernández, Genma Caramés, Marga Varela?

Mais a colaboración non ten porque ser circunstancial. Se é recoñecida a importancia educativa da arte en xeral, e do teatro en particular, non debería estar máis integrado no proxecto educativo do centro á marxe de quen leve esa actividade, pertenza ou non ao claustro do profesorado? e aínda que sexa considerada "extraescolar" e levada pola ANPA?

Vai arestora unha relación das montaxes realizadas cun breve comentario. Evidentemente non hai teatro sen intérpretes mais nesta crónica xornalística por razóns de espazo e dado que algunhas actrices e actores repiten en varios espectáculos o seu nome aparecerá só unha quenda nunha relación final.

2000-01. El/Ela: Quéresme? Ela/El: Quérote!

O texto, creación colectiva do grupo de teatro do Instituto Cervianum de Torelló en Catalunya, recolle en clave irónica, diferentes perspectivas sobre o amor concluindo

que hai amor para todos os gustos. Como estaba previsto, nas últimas semanas antes da estrea os ensaios foron longos, tamén os sábados e levando o bocadillo para enlazar maña e tarde. Algo que se repetirá nas futuras montaxes. Actuaron as alumnas e alumnos que xa foron nomeados. A primeira actuación foi no centro e inauguramos as cortinas que aínda hoxe lucen no "escenario" da sala multiusos. Foi unha consideración de Marga.

Ao remate da actuación lembro o comentario dun colega profesor sorprendido de que unha alumna o fixese tan ben cando pasaba absolutamente da súa asignatura. Non era a primeira ocasión que escoitaba tal opinión. Participamos por vez primeira na V Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO) que nesa ocasión organizaba o IES María Soliño.

O grupo de teatro tamén participou no XII Certame Galego de Teatro Xuventude convocado pola Consellería de Familia e Mocidade. Inscribiuse no censo de Asociacións Culturais do Concello de Cangas e da Diputación da que solicitamos unha subvención.

Desde o comezo desta andaina teatreira, valorouse a importancia de sair das paredes do insti e percurar xeitos de autofinanciarse,ademais das subvencións, co que se vaia recaudando nas actuacións. Representouse tamén na Casa de Cultura de Cultura de Cangas por medio da Escola de Adultos e no IES As Barxas de Moaña.

En 2001-2002. Gallaegaria foi a segunda montaxe. Adaptación dun texto de Plauto de Xosé Manuel Pazos Varela. Nesta peza, ambientada na época na que os romanos dominaban Galicia, atópase humor, suspense e intrigas amorosas. E canción coral.

Participaron vintecinco alumnas e alumnos. Xa asentado o grupo distribuíronse responsabilidades. As familias realizaron o vestiario.

Estreamos en abril de 2002 no Auditorio Municipal de Cangas dentro da VI MOTESMO da que o IES de Rodeira foi centro coordinador.

Actuamos no Café Teatro do Real de Moaña- ese espazo teatral infelizmente desaparecido- a un prezo de 2 euros pois xa non había pesetas? E tamén o fixemos no Auditorio de Pontevedra no Certame de Teatro Escolar Galego Entre Nós e gañamos o primeiro premio provincial! Aproveitando a oportunidade presentámoslle á Directora do Departamento de Normalización Lingüística en Pontevedra un proxecto de distribución do espectáculo por diferentes centros de ensino da provincia pero a idea non prosperou. Mais o tentamos..

Nesta época comezou o grupo as chamadas "Viaxes teatrais" Queriase seguir aprendendo coas viaxes, lúdicamente.

Ían servir tamén, nesta ocasión e no futuro, para convocar a todos os membros do grupo, estiveran ou non en activo. Outro xeito de tender pontes entre diferentes xeracións de actrices e actores foron os convites en cada nova montaxe e os xantares. Nesta primeira viaxe fomos- con Xosefa Martínez- a Coruña. Visitamos o Teatro Rosalía onde explicaron a historia do edificio e a maquinaria escénica. Estivemos en Casa Hamlet e asistimos a unha clase de Manuel Lourenzo, figura clave do teatro galego contemporáneo.

Asistimos no verán a un curso de Corpo Danza e Teatro impartido por Mita Adriana Cobos organizado pola Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas . Tres alumnas recolleron apuntes que despois pasaron ás compañeiras e compañeiros que non poideron asistir.

Compartir el artículo

stats