Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro escolar(XII): Colexio Eduardo Pondal (II)

A partires de 2015, o grupo convértese nun "Módulo"; os alumnos repártense o traballo e as obras fanse máis complexas

"A grande meiga de Foz"(2011) con Giselle Tenorio, Yanina Alfaya, Eva Soage, Miriam Otero, Adrián Alcalde, Pedro Pérez, Antonio Loira e Benjamín Malvido.

"As vodas de Fígaro" de Caron de Baumarchais foi de novo unha incursión nos clásicos no 2009. Unha obra na que recuperaban protagonismo o texto e a trama argumental; sen embargo, a escenografía continuaba coa tendencia innovadora das obras anteriores. Ana Campos, Ainhoa Pereira,Sofía González, Ismael Pastoriza, Laura Ferreira, Sara Padín, Yaiza Ferradás, María Germade, Carlos Pérez, Tati Pedrouso e Alba Pedrouso deron vida aos personaxes de Baumarchais.

No ano 2010 realizamos a montaxe Conversas repetidas, con textos de diferentes autores que afondaban nas relacións de parella. Como único elemento escenográfico un banco, en torno ao cal as actrices e actores ían tecendo as súas conversas. Por primeira vez experimentamos con máscaras nalgunhas das escenas. O elenco estivo formado por: Ana Campos, Ainhoa Pereira, Sofía González, Ismael Pastoriza, Yaiza Ferradás, Sara Padín, Alba Pedrouso, Carlos Fraga, Edgar Lago, Gael Villar, Alejandro Alcalde e Sara Muñoz.

Con A grande meiga de Foz quixemos volver ao mundo dos personaxes que forman parte do imaxinario infantil, como xa fixeramos con Peter Pan e daquela adaptamos, no 2011, O marabilloso mago de Oz, de Frank Baum. Empregamos os corpos para crear figuras escénicas que contribuían ao desenvolvemento da acción. A colaboración de Mito Santos foi decisiva para conseguilo. Unha tea suspendida no aire recreaba o mundo de Foz no que habitaban Giselle Tenorio, Yanina Alfaya, Adrián Alcalde, Benjamín Malvido, Eva Soage, Pedro Pérez, Miriam Otero, Iván Piñeiro e Antonio Loira.

En www.soños.film recreamos unha pequena escena de O soño dunha noite de verán , dende ese momento Shakespeare foi un autor ao que quixemos volver. No 2012 montamos As alegres casadas, adaptación de As alegres comadres de Windsor. Comedia de enredo que sobre un escenario baleiro defenderon Giselle Tenorio, María Gutiérrez, Michelle Fernández, Adrián Alcalde, Rubén Blanco, Pedro Martínez, J. Diego Muñoz, Alejandro Sánchez, Alba santaclara, Yeray López, Carlos Rolán, Bryan López, Benjamín Malvido, Eva Soage, Pedro Pérez, Yanina Alfaya, Antonio Loira e Pablo Budiño.

O soño das cidades de Manuel Lourenzo foi a obra estreada no 2013, na que xogamos coas cores. Configuramos un espazo escénico cunha cidade en branco suspendida no aire e un vestiario que combinaba gris, branco e vermello. Sobre o escenario David Portela, Lucía Martínez, Noemí Santomé, David Cao, Carla Fandiño, Elena Fernández, Juan José Montero, Rubén Abuín, Pedro Pérez, Carlos Rolán, Alba Santaclara, Pablo Budiño e Michelle Fernández.

Sete actrices, Alba Santaclara, Elena Fernández, Lucía Martínez, María Franco, Sofía Rouco, Carla Fandiño e Nerea Lorenzo, fixéronnos reflexionar en As asembleístas de Aristófanes, que adaptamos no 2014. Cinco cubos de distintas cores foron os elementos escenográficos que compoñendo diferentes figuras sobre o escenario creaban os espazos privados e públicos da obra. As actrices identificáronse perfectamente coas súas personaxes, acompañadas por tres intérpretes masculinos, Breixo González, David Cao e Juan José Montero.

O ano 2015 marca un cambio fundamental na actividade teatral do Colexio. Intentamos dar resposta a algunhas cuestións que nos preocupaban. Como facer que os rapaces e rapazas que integraban o grupo fixesen súa a obra e se sentisen realmente responsables dela? Por que non involucrar ao alumnado en todos os aspectos que supoñía a posta en escena dunha obra, desde a selección do texto, a súa adaptación, vestiario, maquillaxe, escenografía, luces, son?? Coma sempre eles deron as respostas, só se trataba de darlles a oportunidade de facelo. E así Aldara Currás, alumna de 3º da ESO, fixo unha fantástica adaptación de Cinco semanas en globo de Julio Verne. María Martínez e Laura Silva deseñaron o vestiario. Actuaron Ana Valladares, Lucas Campos, Miguel Barrero, Moisés Soliño, Nerea Otero, Alberte Torres, Gonzalo Valladares, Brais Cordeiro, Andrea Canosa, Brais González, Marina Carro, Sheila Otero e Damián Pena.

A partir deste momento baixo a dirección de Ángel Currás a actividade teatral enriquécese converténdose nun "Módulo" onde o alumnado participa segundo os seus intereses. Fernando de Peroy, alumno de 4º da ESO no ano 2016, técnico do grupo explícao deste xeito: "O reparto do traballo para a compañía de teatro tivo grandes repercusións, por unha parte tódalas tarefas técnicas quedaban baixo a responsabilidade do equipo técnico permitindo así unha maior complexidade nos procesos. Sen lugar a dúbidas, repartir o traballo permitiu que a compañía adquirise un grao maior de complexidade nas súas obras e que cada persoa do grupo puidera mellorar as súas capacidades segundo os seus intereses. Poder desempeñarme no campo audiovisual grazas ao grupo de teatro do Eduardo Pondal foi unha experiencia moi relevante para a miña personalidade".

Esta participación do alumnado reflíctese tamén na escrita. Trouladas cervantinas, a montaxe do ano 2016, responde a este novo enfoque. É unha obra creada por Alba Guimeráns, Lara Gallego, Ainhoa González e Brais González, partindo de textos de diferentes obras de Cervantes.

Lara Gallego, coautora de Trouladas cervantinas , tradutora e actriz de Adolescentes de Alfredo Mantovani explica o que supuxo para ela:

"Moitas veces póñome a pensar. A pensar en como era hai uns anos e como son agora, en como evolucionou a miña personalidade, a miña razón, os meus sentimentos, os meus coñecementos. Boto a vista atrás e empezo a lembrar todos eses feitos que marcaron a miña vida.Un deles foi participar no grupo de teatro do colexio. Xa sei que pode non parecer gran cousa, pero para min significou moito estar no escenario con todos os meus compañeiros. Pero non todo comezou aí; este feito remóntase a 3º ESO. Un día como calquera outro, a profesora de Lingua castelá fixo unha pregunta para toda a clase: "A alguén lle apetece escribir a obra de teatro deste ano?" Nese momento quedei bloqueada, pensando en todo o esforzo e traballo que supón escribir unha obra teatral. Pero a min os meus pais sempre me ensinaron que sen esforzo non se conseguen as cousas, así que, levantei timidamente a man. A partir dese momento cambiaría a miña vida. Así que, xunto con tres compañeiros comezamos. Ás veces quedabamos despois das clases para escribila, tamén sacrificabamos as nosas fins de semana, e cando non era posible quedar en persoa faciámolo por video-chamada. A verdade é que a situación na que nos atopabamos non era a mellor; eu persoalmente sentía moito estrés, porque quedaba un mes escaso para que o grupo de teatro estrease a obra e aínda non a tiñamos acabada. Tamén resultaba moi complicado compaxinalo cos exames e todos os traballos que tiñamos que facer, ademais dos problemas persoais que tivese cada un. Pero finalmente lográmolo, a base de moito esforzo conseguimos escribir a nosa primeira obra de teatro. Ata o momento no que a vimos representada non fomos conscientes do noso traballo. Eu preguntábame: "De verdade isto escribímolo nós?". Estabamos fascinados porque nunca imaxinaramos que lograriamos agrupar algunhas das obras máis coñecidas de Cervantes nunha soa peza.

Grazas a esta actividade adquirín moito vocabulario novo ademais de moitos coñecementos sobre as obras doutros escritores, pero sobre todo aprendín a expresarme mellor nos meus textos e a traballar máis en grupo. Eu son tímida de meu, cústame moito falar con outras persoas e expresarme oralmente. Non son nada extravertida, gardo as miñas cousas para min e tampouco son moi sociable. Pero o feito que sucede a continuación cambiará a miña vida. Xa en 4ºESO decidín apuntarme ao grupo de teatro, pero esta vez non para estar na sombra escribindo a obra, senón para representala no escenario. A pesar de que a obra xa estaba escrita, participei traducíndoa ao galego. Nun principio apunteime a teatro para perder a timidez, e as primeiras clases custáronme bastante, xa que non estaba afeita a ser o centro de atención e a ter sesenta ollos postos en min. Pero co paso do tempo collín confianza en min mesma e sentinme segura sobre o escenario. A esa seguridade engádeselle a confianza que o noso profesor puxo en min para deixarme representar un papel tan importante na obra. E téñolle que agradecer que me axudase a confiar en min mesma e a non ter tanto medo a actuar. Tamén dou grazas a todos os marabillosos compañeiros que tiven, xa que dende o segundo un acolléronme moi ben e fixéronme sentir coma se fósemos unha familia."

Trouladas cervantinas foi interpretada por Ilena Fernández, Ana Piñeiro, Lucía Riobó, Zaira García, Carmen Solla, Belén Martínez, Judith Misa, Damián pena, Nerea Otero, Carmen Piñeiro, Carla Rial,Laura Calvar, Marina Carro, Brais González, Sheila Otero, Denise Riobó, Juan Miguel Barrero, María Martínez, Mercedes Moledo, Alberte Torres, Lucía Piñeiro, Sara Palmás, Alba Barreiro, Moisés Soliño e Alba Guimeráns.

Adolescentes de Alfredo Mantovani sube a escena na primavera do 2017. É, polo de agora, a última montaxe. A súa ficha técnica reflicte perfectamente esta nova etapa. Tradutores: Lara Gallego, Brais González e Alba Guimeráns. Maquillaxe e vestiario: Nerea Fernández. Luces e son: Óscar Currás, Pablo Portela, Iván Sánchez e Óscar Portela e trinta e cinco actrices e actores: Lara Gallego, Laura Calvar, Mencía Carro, Carmen Solla, Clara Currás, Alberto Colinas, Carmen Piñeiro, Lucía Riobó, Zoe Martínez, Raquel González, Ángel López, Héctor Pousa, Aarón Rodríguez, Nerea Otero, Adrián Ventín, Lucía Piñeiro, Ilena fernández, Ana Piñeiro, Antía Novas, Pablo Martínez, Aitana Rodas, Hannes Bartölke, Leo de Carlos, Denise Riobó, Marina Carro, Sheila Otero, Belén Martínez, Sara Palmás, Lucía García, Judith Misa, Geno Sequeiros, Brais González, Manuel Ventosinos e Aarón del Río.

Non é doado recoller neste espazo a historia do grupo de teatro do Colexio Eduardo Pondal. Entre liñas, por detrás dos datos, están os risos, os nervios, as ilusións, as miradas e as apertas dunha morea de rapazas e rapaces que xogando a ser outros nos marabillaron. Para todos eles a miña gratitude.

Compartir el artículo

stats