Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Naufraxio do San Martín hai corenta anos

Produxo grande conmoción na vila que vivía nestas datas os prolegómenos das Festas do Cristo

Erundina Rodas, nai de Manuel Viéitez, mostrando unha foto do mesmo en 2002 ao se cumpriren 25 anos do naufraxio.

O naufraxio do "San Martín" de 150 CV, matriculado en Vilagarcía pero con base en Cangas, non figura nos nomenclátores oficiais sobre este tema debido ás circunstancias de clandestinidade que rodearon a sua partida e actividade de pesca. O tráxico accidente marítimo tería lugar a finais de agosto de 1977 e había producir grande conmoción na vila que vivía nestas datas os prolegómenos das Festas do Cristo, a punto de iniciarse oficialmente.

Ainda que os restos do barco se atoparon nos baixos da Meán calculouse que o naufraxio tivera lugar nos dos Canteiros, navegando con mal tempo e néboa entre Sálvora e Corrubedo. Por unha derradeira conexión telefónica ás catro da mañá do día 25, veuse deducir que a colisión debeu producirse despois desta hora e coa maioría da tripulación durmindo. O feito de que o barco partise de Cangas sen dar conta na comandancia do rol, acreditacións para navegar e xustificante dos seguros, deu pé, en primeira instancia, ás especulacións sobre o número e identidade dos náufragos cuxo rescate no interior do barco se demoraba polo mal tempo reinante. Finalmente, a comandancia elaboraría un listado de once nomes, ainda que se falaba de doce, nos que incluía ao patrón Manuel Varela Cacabelos de 47 anos e aos seus fillos José Manuel e José Carlos de 17 e 13 anos respectivamente. Os outros tripulantes identificados foron Antonio Iglesias Parcero, Manuel Viéitez Rodas, J. Manuel Rodríguez Lorenzo, Manuel Barreiro Sotelo, Armando Chapela Ríos, Tomás Malvido Bernardez, Eduardo Lusquiños Rodríguez e un seu cuñado non identificado, ambos de Vigo. Entre moita polémica pola suspensión ou non das festas, a corporación acordaría non suspendelas e decretar un día de loito e a celebración de honras fúnebres. Mesmo o C. F. Alondras, que tiña previsto uns combates de loita libre en Romarigo, en vez de suspendelos, decidiu dedicar as 40.000 pts. da recadación deste evento ás familias das vítimas. Os partidos e sindicatos nacionalistas locais, daquela ainda ilegais, convocarían unha manifestación cuxas consignas facían fincapé na desidia das autoridades marítimas en canto ao control dos barcos e na lexislación que permitía o enrolamento de menores de 18 anos como acontecía coa maioría da tripulación do San Martín.

(*) Mestre e historiador de Cangas

Compartir el artículo

stats