Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Pepe Simón, amigo dos amigos e da cociña galega

Converteu Casa Simón nun afamado restaurante polas ostras, bos mariscos e a calidade dos seus pratos

Amigos de Casa Simón (Gallego, Velázquez, Dopico...) con Pepe e Celestino Simón no restaurante.

Josefa (Pilar) e o seu home Celestino (Simón) foron os fundadores, alá polo ano 1948, dunha casa de comidas en Balea coñecida como Casa Simón. Atendían a todos os clientes que lle entraban pola porta fosen mariñeiros da Congorza ou personaxes máis acomodados das localidades veciñas a onde chegou a sona da cociñeira e do bo produto natural da casa. Eran boas persoas, con moito encanto e carisma.

Será na época do seu fillo Pepe Simón, cando se converta nun afamado restaurante, dos mellores de Galicia, polas ostras, os bos mariscos e a calidade da súa excelente cociña . Pepe toma o leme do negocio para dirixir Casa Simón a carón da súa nai e da súa muller Encarna Soliño.

Foron instalando bateas da súa propiedade, primeiro para cultivar ostras e logo ameixas e vieiras. Pepe tiña levado aos clientes a comer as ostras e os mexillóns, ás bateas en Aldán. Alí tiña unha mesa coas súas cadeiras para degustalas rodeadas de mar. Ver o xeito con que Pepe Simón abría as ostras era unha auténtica delicia. Podía preparar 800 nunha hora!

O comedor da casa foi deseñado coa estética dos anos 60. Un lugar con encanto onde colgan das paredes as fotografías de personaxes coñecidos. Polo local de Balea pasaron figuras como don Juan de Borbón, o expresidente Adolfo Suárez, o actor Anthony Quinn (que viñera a Vigo a unha exposición pictórica do seu fillo), o empresario Fernández Tapias, os xornalistas Luís del Olmo e Pepe Domingo Castaño, os xogadores de fútbol Pelé, Alfredo Di Stéfano, Pachi e Julio Salinas, o porteiro Richard Dutruel o cantante Julio Iglesias veraneante en Cangas nos seus anos infantís, Carmen Sevilla, o grupo El Consorcio e os Golden Apple Quartet, Tip e Coll, Enrique e Ana, Romina e Albano, Miguel Bosé, Carlos Nuñez e Iago Aspas.

A decoración do local non cambiou co paso do tempo. Forma parte da vida familiar e dos comensais que o seguimos visitando dirixido agora polas súas fillas. No vestíbulo un cadro magnífico do Berbés mariñeiro realizado por Ernesto Bao que forma parte da colección de pinturas que deste autor posúe a familia.

Nos tempos de Pepe Simón houbo días de ter preto de cincuenta persoas traballando entre parentes e persoal contratado para os grandes banquetes de empresas ou celebracións familiares. Teñen atendido encargos de emigrantes en México da zona de Avión para celebrar unha primeira comuñón que durou dous días con tirada de fogos de luces e organizado comidas para 200 persoas na presentación de novos modelos de coches Citroën.

Foi un dos fundadores da Asociación de Amigos da Cociña Galega o que situou a Cangas no cume da hostalería galega e a casa Simón na elite dos restaurantes de Galicia.

José Pintos González (Cangas, 1944 - 1995), Pepe Simón morreu moi novo con só 51 anos. Era unha persoa amable e con moi bo trato coa xente. Alumno de don Ermindo na escola de Balea formouse despois na Coruña; pero sempre estivo entre os fogóns e o comedor da casa. O seu recordo vai estar moi presente na memoria da xente.

O Concello de Cangas púxolle o seu nome á rúa que baixa á praia da Areamilla e no ano 2000, unha placa na entrada do local lembra "o seu labor, bo facer, xenerosidade e decisivo impulso á promoción e divulgación da cociña galega e da vila de Cangas" por teren convertido Casa Simón nun restaurante de referencia. Con Pepe Solla organiz0u xornadas na Expo de Sevilla, Brasil, Arxentina e Francia. Era a maneira de mostrarlle ao mundo como se facían as cousas aquí para dar a coñecer tamén o propio.

"O lumbrigante con arroz, as vieiras estufadas, a empanada de millo con croques, os chocos ao forno, son pratos que enriquecen cada semana a oferta de Casa Simón. Tamén son excepcionais as empanadas de vieiras como especialidade da Casa, as de luras e centolas, un verdadeiro descubrimento da cocida galega", en palabras de Enma Sueiro.

Non podemos esquecer tampouco os filetes de balea que se traían de Massó, como unha delicatesen. E o apartado das carnes: O cabrito asado ou o cordeiro ao forno son as dúas especialidades máis logradas e apreciadas polos clientes. E a repostería non ten tacha. As sobremesas de crema torrada con milfollas é un delicioso bocado para o larpeiro que mellor se prece.

Agora son Ana e Marta Pintos, a terceira xeración as que continúan o labor en Casa Simón. Labor iniciado pola avoa Pilar (falecida en 2016) e continuada polo seu proxenitor Pepe Simón.

(*) Secretario da Cepa e filla de Pepe

(BIBLIOGRAFÍA

Enma Sueiro. Amigos da cociña galega. Páx. 267 a 270

Cristina González. Faro de Vigo. Edición do Morrazo)

Compartir el artículo

stats