Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Wünderlich, o fotógrafo alemán que retratou Cangas

Percorreu a provincia no ano 1929 e as súas imaxes do Morrazo convertéronse en símbolos turísticos

Aldán casas de piedra, con roupa tendida, e a torre da iglesia. Entre 1929 e 1936

O fotógrafo alemán Otto Wünderlich nace na localidade de Stuttgart en 1886. Estuda bacharelato e linguas. Aos 17 anos púxose a traballar nun negocio de importación, realizando viaxes fóra de Alemaña. En Inglaterra inicia a súa afección á fotografía que continúa logo en París como fotógrafo profesional.

No 1913 chega a España para traballar na Sociedade Mineira El Guindo, unha empresa dedicada á compravenda e á explotación de minerais. Con 30 anos comeza a súa actividade como profesional da fotografía. Traballa por encargo para autoridades e para diversas empresas construtoras e industriais. Nas súas reportaxes apréciase unha vertente industrial, composta polas fotografías que fai por encargo das empresas, e outra vertente máis documental, cunhas imaxes máis espontáneas e intuitivas, onde recolle aspectos da vida popular da España da época. Comercializou álbums, tarxetas postais e carpetas de fototipias co título de "Paisajes y Monumentos de España".

En 1927, Hidroeléctrica Española contratou a Otto Wünderlich para realizar unha serie de fotografías das súas instalacións. A reportaxe foi moi do gusto do Secretario Xeral da empresa, Emilio de Usaola, que en carta a Hidroeléctrica Ibérica (despois Iberduero) recomenda ao fotógrafo.

A actividade profesional de Otto Wünderlich divídese en dúas partes: unha profesional de encargos particulares ou institucionais e outra, máis persoal, de carácter documental . As súas fotografías, con novos encadres e ópticas, publicábanse nas mellores revistas da época coma Blanco y Negro, La Esfera e El Mundo. Estas fotos eran as que poñía a venda directamente no seu estudio na rúa do Doutor Esquerdo de Madrid ou as que lle ofrecía ás editoriais (Labor, Enciclopedia Espasa) e ao Patronato Nacional de Turismo. Mantivo o seu estudio en Madrid ata o seu pasamento no ano 1975.

O Arquivo Wünderlich foi adquirido polo Estado en 2008, e contén máis de 22.000 negativos e positivos en distintos formatos, xunto coa ampliadora, obxectivos e cámaras fotográficas do seu estudio e o de seu fillo Rodolfo Wünderlich.

No Catálogo Monumental de España, arquivado en Alcalá de Henares, é un dos fotógrafos mellor representados . Nel pódense atopar fotografías antigas, datadas entre 1928 e 1936 de A Coruña e Pontevedra.

No ano 1928 a Editorial Labor publica a primeira edición da gran obra Geografía de España composta de tres volumes e ilustrada con numerosas fotografías de destacados fotógrafos como Mas, Hauser, Menet e Wünderlich.

"As imaxes de Otto Wünderlich, leemos no texto da exposición fotográfica 'Arredor do Mar' no Museo de Pontevedra, ofrécennos o mar como destino turístico. As praias de Sanxenxo, Bueu ou Cangas que fotografou convertéronse en símbolos turísticos da Nosa Terra. Este fotógrafo alemán recorreu no ano 1929 toda a provincia de Pontevedra tirando fotografías do recentemente creado Padroado de Turismo para ilustrar os seus folletos publicitarios, polo que se converteu en pioneiro deste tipo de actividade en España".

De Cangas presentamos hoxe algunhas fotografías da súa autoría: a praia do Sinal no centro da vila, hoxe aterrada, o interior da igrexa parroquial de Santiago de Cangas coas pías de auga bendita traídas de Filipinas, a capela do Hospital no lugar primitivo antes de ser derrubada, o fronte marítimo de Aldán e os interiores do Pazo dos Condes, unha casa labrega ou as illas Cíes vistas dende Cangas. Tamén ten fotos das localidades veciñas de Moaña e Bueu.

Auténticas e preciosas postais que levaron a imaxe de Cangas, Aldán, Bueu e Moaña por todas partes nos anos 30. Grazas ao labor deste fotógrafo alemán, Otto Wünderlich.

*Integrantes da Asociación Cultural A Cepa

Compartir el artículo

stats