Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro escolar (IX): Comediantes Anónimos

Hai xustamente 25 anos nacía no IES Johán Carballeira de Bueu o seu grupo de teatro, que aínda segue en activo

Excursión ao Camiño de Santiago. 23-30 setembro de 1993. Paula Fontán, Vanessa Carballo, Agustín Cerviño, Asunción Soñora, Montse Otero, María Pastoriza, Miguel Sampedro, Pablo Miranda "Peque" e Juan José de la Torre "Jota". // ?Arquivo da autora

Corría o ano 1991 e o instituto de Bueu apenas comezaba a súa andaina. Unha rapaza con grande interese no mundo do teatro preguntou se no centro existía algún grupo ou podería formar un. Pero as respostas que obtivo foron negativas. O que ela non sospeitaba é que as súas inquedanzas chegaran os oídos dunha das novas profesoras de galego que, actualmente, é a directora do centro: Asuncion Soñora. Ela, que viña xa do mundo do teatro no seu tempo de lecer, foi quen de decidir dar cumprido o desexo desta e doutros alumnos e alumnas que estaban interesados en participar. A resposta foi maior da esperada. E así de sinxelo foi o comezo.

Coa pegada de carteis polo centro chegaron a reunirse dezasete alumnas e alumnos cunhas ganas enormes de participar nesta aventura que, por outra banda, resultaba ser unha grande aposta por parte da que sería e é o fío condutor deste xa máis que consolidado grupo. Non esquezamos que a idade destes mozos estaba entre os 14-17 anos.

Xa formado o grupo xurdiu o primeiro problema: Que obra representar? Eran unha morea de actores/actrices con ganas de subirse a un escenario e non atopaban obras con tanto elenco. Todos agás dous que tiñan moi claro que eles querían dedicarse aos aspectos técnicos. Inda así, quince papeis seguían a ser un obxectivo inalcanzable.

Que facer? Finalmente acharon a solución: escribirían eles a obra e así ninguén quedaría fóra. E iso foi o que se fixo. Unha obra orixinal adaptada as súas necesidades que resultou ser o máis adecuado para ese pequeno grupo que xa se consideraba como tal.

Estamos no curso escolar 1991-1992 e "Ácidoacetilsalicílico" foi a súa primeira obra. Parodia dos culebróns, que tan de moda estaban por aquel entón, non poden deixar de lembrala con moito agarimo, tanto os ensaios como a preparación dos decorados, o seguinte problema co que se atoparon. Con apenas presuposto e gracias as aportacións da AMPA, e con moita imaxinación, conseguiron facerse con placas de porexpan que decoraron coas únicas tres cores que conseguiron. Nada os ía deteñer.

Uns días antes da representación para os seus compañeiros decidiron facer os carteis que ían anunciar a tan desexada representación e decatáronse de que non se puxeran nome. Os rapaces tiñan moi claro que querían ser Comediantes e neste punto non houbo discusión. Pero buscaban ser diferentes. Querían un nome que os diferenciara dos demais. Nese intre decidiron chamarse Comediantes S.L. Sentíanse un grupo pechado pero Asuncion fíxoselles entender que tiñan que ter en conta que o grupo ía ser algo dinámico xa que as alumnas e alumnos ían e viñan en función dos cursos escolares e non sempre ían ser os mesmos. A súa proposta foi a acertada. Xurdiu así Comediantes Anónimos S.L. e, 25 anos máis tarde e co S.L. perdido xa no primeiro cartel, seguen a dar guerra.

Solucionado o problema do nome non quedaba outra xa que prepararse para o día da estrea para os compañeiros do instituto. Saíron a escena e non houbo máis que risas e bos momentos o que os animou aínda máis cara a representación, uns días despois, para os familiares e amigos, tamén no instituto pero en sesión de tarde. Ese día, coas doazóns dos asistentes, decidiron facer un pequeno peto e xuntar os cartos para ir en peregrinación o ano seguinte o Camiño de Santiago.

Pero esta non sería a última vez que representarían esta obra. Uns meses despois de finalizar o curso a A.C. As Lagoas propúxolles representar "Ácido" (como lle chaman familiarmente) na Casa da Cultura de Bueu. E así foi. O venres 21 de agosto de 1992 estes mozos e mozas volveron subirse a escena inda que algún dos compoñentes das primeiras representacións xa non estaban e foran substituídos por outros compoñentes. Nesta ocasión a entrada costaba 300 pesetas para os maiores e 100 para os menores de catorce anos. Novamente un éxito.

Para celebrar o fin de curso decidiron facer unha saída de fin de semana a Illa de Ons onde estreitaron aínda máis, se cabe, os seus lazos como grupo e amigos. Novo agradecemento a súa querida profesora Asun e a Benxa, que os acompañou nesta aventura confiando plenamente nestes, daquela, nenos.

Xa no curso académico 1992-1993 houbo, como era de esperar, cambios nos compoñentes do grupo inda que seguían a ser unha grande cantidade. Xurdiu o problema que xa tiveran: unha obra para que participasen todos eles. E novamente a solución pasou por conseguir unha obra orixinal. Apareceu así en escena "Paixóns, diviñas paixóns", obra ambientada nas historias dos antigos deuses do Olimpo. Durante a preparación desta o grupo foi invitado a participar nun ciclo de teatro no IES Sto. Tomé, en Vigo. Como "Paixóns, diviñas paixóns", inda non estaba preparada, decidiron levar "Ácido" que, para a súa sorpresa, compartía programa con obras de recoñecido prestixio como "A Celestina" de Fernando de Rojas, unha anécdota que aínda hoxe os fai acenar un sorriso.

As anécdotas de "Paixóns, diviñas paixóns" tamén as recordan con moito agarimo. Lembran cando foron facer unhas fotos a praia vestidos de deuses gregos, alá por maio, e a xente parábase a miralos como se se volvesen tolos. E as sorpresas que se levaron o revelalas pois saían reloxos, que non existían na época evocada, ou os calcetíns de Baco cunha raqueta bordada...Toda unha aventura.

Resoltos estes problemas o 14 de maio de 1993 as 12.00 da mañá representase esta obra e ás 20.00 do día seguinte repetiuse, esta vez na Casa da Cultura de Bueu. Inda tiñan moi poucos recursos e solucionaban os problemas de decorados e iluminación así que xurdían. Unha das escenas de amor entre deuses era representada a través das sombras que se proxectaban nun pano branco. Para darlle máis ambiente decidiron que a luz que rodeara esta escena tiña que ser de cor vermella...e se lles ocorreu poñer por riba do foco papel de celofán desta cor. A solución non fora mala ata o momento en que se quentou de máis e comezou a botar fume o que resultou moi curioso se temos en conta a escena de que se trataba. Foi con esta obra coa que se gañou o II Premio de Teatro Breve Laura Olmo.

Co diñeiro recadado finalmente puideron realizar a desexada viaxe. O 23 de setembro de 1993 parte dos compoñentes do grupo, acompañados de profesores e amigos comezaron, a súa peregrinación por terras galegas. Dende O Cebreiro ata Santiago de Compostela. Dende o día 23 de setembro ao 30 camiñaron sen descanso, inda que sen cansarse moito, con Asun, Benxa e Paco como acompañantes de luxo. Unha grande aventura por terras galegas. Anécdotas tampouco faltaron como os lugares onde conseguiron durmir: unha praza de abastos, un mercado gandeiro...ou cando no Monte do Gozo un rapaz que vendía cafés felicitou a Asuncion, profesora de galego, polo ben que falaba a lingua sen ser da terra. Toda unha experiencia.

Xa no ano 1993-1994 a situación do grupo comezou a mellorar. Estábase a producir o relevo xeracional. Os primeiros compoñentes de maior idade marchaban a seguir os seus estudos ou a traballar, pero víanse trazos da continuidade do grupo. Novos rapaces seguían a interesarse pola actividade teatral e sentíanse benvidos nesta aventura. Desta vez a obra elixida foi dun autor recoñecido, "Os cravos de prata". Inda que do grupo que comezara no 1991 tan so quedaban catro compoñentes, seguían a ser dezaseis rapaces os que o conformaban. E con moitas gañas de participar nesta aventura! E así o demostraron o día de representación momento no que algunha compañeira, cos nervios do estreo, non foi quen de saber cal era o seu papel e o do compañeiro que dicía partes dun e doutro.

Foi esta a obra na que as estudantes de FP de Perruquería do instituto comezarían a colaborar co grupo. Nesta obra a caracterización dalgún das personaxes, coma a de Pepe Fungueiro, facía necesaria a man de profesionais e aí estiveron elas para axudar. Inda hoxe, despois destes 25 anos, seguen a participar co grupo nas postas en escena que o necesitan.

Como é normal nos grupos de teatro conformados nos centros de ensinanza o elenco de actores varía cada ano escolar, pero en Comediantes inda non se produce esta flutuación. Con "Pic-nic" (1994-1995) e "Farsa Plautina" (1995-1996), mantense un número de rapaces similar o dos primeiros anos. Ambas obras participaron no Certame Galego de Teatro de Xuventude de Lugo.

Pero o que lembran con maior agarimo neses días e a confianza posta neles por Leiro, o dono do Aturuxo en Bueu, que non dubidou en falar con eles e proporlles representar no seu local "Farsa Plautina". Un voto de confianza para estes rapaces que, salvo algunha excepción, inda non tiñan a maioría de idade. Unha experiencia única que sempre agradecerán.

Compartir el artículo

stats