Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As celebracións do Día de Santiago · Un pouco de historia

Hermelo: testemuño dunha xurisdicción onde habita o olvido

Este lugar é a orixe do Morrazo e o seu estatus hoxe parece estar nun limbo de indefinición

A igrexa reedificada no ano 1774. // Santos Álvarez

Achégamonos ó coñecemento de Santiago de Hermelo, primeiramente pola documentación conservada (escritos, pergameos, epigráfica, inscricións pétreas no testeiro da ábsida, lápidas funerarias, marcas dos canteiros), pero tamén sabemos de Hermelo polo territorio, a través das pedras que nos falan: os HLO inscritos en pedras nativas do seu couto, ou coutos. Poñamos por caso, a propia paisaxe e toda a tradición incluíndo o dereito consuetudinario que ata nós ten chegado. Comezando pola toponimia (Frades, Fradín, Bieito, Fontebieita, Cruz da Facha, Cruz de Foxonabal, Fontehitor, Pouso das Cruces, A Esculca, o propio Hermelo, un baldío ermo en canto deshabitado, fértil fillo da natureza sen bautizar), pasando polo propio dereito de augas e, entre medias, un final do século XVIII de aparente normalidade que non sospeitaba dun século XIX que poría fin a toda unha traxectoria secular de bieitos en Hermelo sepultada baixo unha lousa de esquecemento e negación que será o século XX para esta parroquia buenense.

En efecto falaremos do esquecemento, porque en Hermelo habita o olvido. Ata tal punto que os seus propios moradores e coidadores espirituais non teñen consciencia xa de se son parroquia, lugar ou aldea. Non de agora que xa transcorreron 145 anos da verificación do arranxo parroquial, senón que vén de moitos anos antes. O arquivo municipal de Bueu, referente da xurisdicción civil vixente, reflicte esta dúbida latente ata hoxe, 160 anos despois de tal arreglo e tal cambio. Pero, de que despois estamos a falar? Pois, da desamortización.

"En 23 de marzo de 1853 se me expidió el título de cura ecónomo de esta parroquia de Santiago de Hermelo por renuncia que ha hecho D. Joaquín Suárez, Prior que fue de la referida y habiéndolo yo exigido ?. Para tomar citado de la Casa Prioral por cuanto se hallaba deteriorada?. Para tomar el estado de la referida casa con dos peritos ?."

"Desde primero de julio del año de 1868, la parroquia de Santiago de Hermelo, por acuerdo diocesano, fecha en que se verifica el arreglo parroquial para que quede como parroquia aneja a Santa María de Cela. De don José Benito Gómez, presbítero de Bueu para D. Manuel de Lis Meijón, rector de Cela."

Cuestión esta da desamortización que está por detallar documentalmente, pois a día da data non coñecemos os pormenores da súa execución material.

Hermelo fora eremitorio (lévao impreso na súa etimoloxía). Foi monasterial. Foi prioral ó tempo que parroquial. E agora? A propia evolución de eremitorio a mosteiro e a priorado e parroquia contén a resposta. Porque Hermelo foi sendo aquilo que na medida que parellamente constituía a súa razón de ser: isto é, a cristianización incipente. Nun primeiro momento en torno a un filius ecclesiae (fregués), unha refundación no século XII, Era de 1140, que se corresponde co ano 1102, acorde co esplendor xacobeo (sendo Diego Xelmírez bispo), un centro de poder ou consulado recadador do mosteiro de Poio nos tempos do priorado.

E coa eclosión dos seus fillos emancipados en parroquias, máis ou menos fornecidas, Hermelo foi acentuando o seu carácter de parroquia en declive que para nada é axudada pola súa poboación nada crecente e que segue a ser minoritaria. Coma nos vai pasando ás persoas cando imos para vellas. Mentres perviva o réxime foral da terra, pervivirá o pai Hermelo reflectido nas procesións e misas de témporas que lle profesaban as parroquias veciñas, fillos á postre, no Pouso das Cruces.

A desamortización vaciou Hermelo de contido e interese e coma o santo xa non suaba, o ermitán marchou, a parroquia quedou orfa e ó pai ninguén o quixo. Foi adxudicado á unha das súas fillas, Cela que aínda coida del disque aínda que non cobre pensión. Tal foi o abandono espiritual que a propia casa prioral, agora parroquial foi vendida polo rector de Cela para xustificar o culto e o mantemento da luz acesa do Santísimo. Foi a última súor do santo. Pero, e as terras do directo dominio do couto prioral?

Pois ben, retrotraiámonos a finais do século XVIII. Perturbado no seu couto, Hermelo, feitas as consultas con avogados e outras persoas prácticas e instruídas en semellantes casos que recoñeceron ditos documentos que cada parte ten a súa razón e dereito e satisfeitos cos seus dictames por evitar a incomodidade da contenda, a súa delación e crecidos gastos? conviron e por este respecto en admitir en foro ó referido cura, fabriqueiro e veciños da expresada freguesía de Cela.

Hermelo desconfiando de Cela e sacando forzas de fraqueza obriga a esta a facer un novo deslinde do seu couto en 1795 (testemuña o poste-marco actual, mal chamado da Cruz de Cela con Moaña, mal chamado porque este era o seguinte, unha laxe con cruz pétrea rota e dada volta no cruce de camiños anterior á canceira) e aforar en 1796 dando nova carta de apeo tódolos bens que dentro do seu couto tiñan a fábrica de Cela, o seu párroco e veciños desta última, anulando o vixente do ano 1680 por intromisións ilexítimas no patrimonio de Hermelo.

"Posehe el coto de Hermelo y Meyro en donde está sito dicho Priorato por varias dejaciones, foros y apeos antiguos con que se halla, el qual se demarca en la manera que sigue: principia en la piedra llamada da edra que es una piedra grande y alta que está en frente del monte que llaman de entre ambas sierras cerca del Pouso das Cruces ?. Y de allí a otra cruz sobre la aldea da Portela hacia el tombo das Abesadas?y monte de Cabaleiros, dicho marco tenía dos cruces y de allí va derecho a la funete que llaman Touriño la qual dicha fuente está dentro de una propiedad de el lugar de Pedreira que es de este monasterio que nace en lo alto de ella y de allí derecho a donde dicen el coto menor sobre el lugar de Tras Souto que es un coto que está más arriba del dicho lugar junto al camino que va desde Canudo para la Pedreira y la Graña adonde está una piedra alta en medio de dicho coto ? de allí va derecho a la fuente de Lamatreme y luego a una piedra que llaman María Nieta que es una piedra redonda que está más debajo del castelo de Pedra Figueira..."

Logo seguiría pola devesa desamortizada e campos denominados de Coteleiro, Campo do Crego, onde conflúe a delimitación das parroquias de Hermelo, Cela e Bueu, Pedrousos (maiores e menores), Tres Camiños, Fontaíña ata Cruz de Foxonobal (actual marco da Cruz de Cela) que pecha con Moaña a través do monte de Paralaia.

É aquí onde entran as inscrición e cruces HLO grabadas en pedras nativas con que aínda hoxe perimetran ó vello couto prioral (ruta homologada de sendeirismo coñecida como dos abades). Pedras, por outra parte, esquecidas, moitas delas entre silvas, pero que para os curiosos e gustosos da historia, permanecen aí como testemuño dunha xurisdicción que foi e que unha parte delas, seguen a ser como despois falaremos.

Pedras nativas e non mediante marcos por razóns obvias: as iniciais pola abreviatura do seu nome cunha raia superposta equivalente ó uso do noso punto de hoxe e coroada cunha cruz que na meirande parte das veces marcaba o sentido e dirección da liña divisoria. Curiosa é a lenda "Priorato de Hlo" na pedra coñecida como Monte Espiñeiro Blanco. Así pois, a perda de todo o patrimonio reflectido nos apeos de centos de fincas, parcelas coa desamortización foi a eclipse, agardemos que parcial de Hermelo.

Hoxe que temos? Nas oposicións á Xunta hai que marcar Hermelo como parroquia. Nas oposicións internas a Bueu, non ou non se sabe. Para o Concello Bueu somos tres parroquias, cinco no nomenclátor de estatística e catro nos sinais de tráfico. Xulguen vostedes. A dignidade de Hermelo coma parroquia ou se se quere como freguesía (fillos da Igrexa) vai máis alá de ter un cento ou menos de veciños (hai "concejos" abertos que nin os teñen), de ser tantos ou cantos. Non cremos que sexa cuestión nin de cantidade nin de calidade.

Distintivos de parroquia

Os distintivos propios dunha parroquia son outros: fillos dunha igrexa que bautizan, casan, morren e enterran e reciben tódolos sacramentos ó longo da súa vida entorno á cabeza da súa freguesía, do seu templo. Pero tamén a parroquia ten orixes e condicionamentos civís: o seu territorio, as súas augas, os seus montes e a súa veciñanza en canto colectividade e sentimento de ser e pertencer (véxase recollida no dereito civil de Galicia a figura da veciña, aquí identificada no mesmo termo e concepto de parroquia).

Sen dúbida Hermelo está en pleno goce de todas elas hoxe en día e dende tempos inmmemoriais, posiblemente das primeiras da comarca e que curiosamente agora se lle nega.

Falemos dun destes condicionamentos, de carácter civil: a especificidade de Hermelo en toda a península do Morrazo respecto dos seus montes veciñais en mancomún. Porque poboación, Hermelo non terá, pero territorio, en hectáreas, ninguén llo negará, e dentro del, os montes comunais veciñais. Ninguén tiña reparado que a diferencia de tódalas parroquias da comarca, e case me atrevería a dicir de toda a provincia, os montes de Hermelo non se rexen polo carácter indivisible que prexulga o dereito xermánico para esta forma de posuír tan característica de Galicia. Aquí os montes son asignados en tenzas, voces ou lotes sorteados por cabezas de fogón ou familia. Ninguén tiña reparado que este outro xeito de posuír os montes comunais veciñais, tan estendida, por outra parte, noutras latitudes de Galicia, aquí obedece á singularidade de Hermelo na organización territorial dos bieitos nunha aplicación, posiblemente que se achegue máis ó dereito romano.

Retomando a cuestión das terras desamortizadas, a tradición oral dinos que se efectuou amigablemente mediante a repartición entre familias cristiás depositarias á espera da súa restitución e restauración benedictina que nunca se produciría. Grandes parcelas de monte e labradíos nada despreciables depositadas en familias de apelidos como Amoedo, García, Santaclara, Freire ... da parroquia de Cela, que viñeron a ser consideradas familias "grandes" a raíz destes patrimonios. Constatar que aínda hoxe se se pregunta por este asunto en Cela, vén de tradición oral que efectivamente foi así, achacándolle unha posible orixe en presuntos castigos ós monxes e porque nalgún momento a parroquia de Cela pertencía á de Hermelo, na propia expresión deles. De aí o carácter de pertenza do que falabamos máis arriba.

Trala marcha dos benedictinos, Hermelo inicialmente tivos varios pretendentes: San Martiño de Moaña, San Martiño de Bueu, Santa María de Beluso, incluso algo San Salvador de Coiro. Pero como Santiago xa non suaba, adxudicóuselle a Santa María de Cela. Certo é que algo de vinculación histórica amais da colindancia había, verificando o citado arreglo eclesiástico fundado en que xa non daba para sobrevivir ó cura párroco de Hermelo, segundo se xustificou e queda dito.

Pero acaso, hoxe alguén dubida ou pon en tea de xuízo que Cela, sexa parroquia porque tivera asignado no espiritual ó párroco de Santa María de Ardán (Concello de Marín) ou hoxe ó de Santa María de Beluso polo simple feito de falla de vocacións ou pola cuestión económica de poder mantero ou non, un pai de ánimas? Pois apliquemos conto á parroquia de Santiago de Hermelo.

A documentación conservada tanto no arquivo eclesiástico parroquial de Santa María de Cela e, maiormente no arquivo municipal de Bueu ó longo do século XX, fálannos dun esquecemento por omisión e outro por indefinición.

Hermelo tivo escola, tivo mesa electoral en tempos que aínda non tiña a estrada provincial de hoxe, aperturada nos anos cincuenta. A comunicación con Cela era a través dos camiños vellos de monte. E hoxe, con sendas estradas asfaltadas, ten aínda menos atención que daquela, perdendo o pouco que tiña.

Compartir el artículo

stats