Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carlos Núñez: "É marabilloso o conseguir facer tradicións, ese é o segredo dos grandes festivais"

Bueu acolle esta noite por segundo ano consecutivo ao prodixio da música celta en dous concertos ao aire libre

Carlos Núñez e a súa banda no concerto de hai un ano na igrexa de San Martiño de Bueu. // Gonzalo Núñez

Tras o éxito que tivo o ano pasado e a súa boa acollida, o Concello de Bueu organiza hoxe de novo un concerto da man de Carlos Núñez. Estará acompañado pola súa banda e coa colaboración da Banda de Gaitas de Manxadoira de Bueu, ao igual que na anterior ocasión. O seu director, Marcos Campos, e un dos seus gaiteiros solistas, Jacobo García, volverán a ter un papel especial. O escenario será o pazo de Santa Cruz, formando unha perfecta combinación entre o mar, a natureza e o patrimonio musical. As entradas para os dous pases ás 21:00 e as 23:00 xa se atopan esgotadas dende hai semanas. Unha das novidades deste ano será a presenza da Coral Polifónica de Bueu, que interpretará un tema. [Desde a Policía Local de Bueu informan de que para facilitaro tráfico, o acceso ao pazo de Santa Cruz será polo vial da Carrasqueira, mentras que a saída será polo novo vial habilitado por Achadiza, todo debidamente indicado]

-Este é o seu segundo ano dando concertos en Bueu. Como foi a experiencia o ano pasado?

-A verdade é que encantounos pola orixinalidade, sobre todo porque dende hai 20 anos levo loitando por facer cousas así en Galicia. O importante é dar un paso máis alá e irnos a este tipo de espazos que poden ser incluso reclamo de interese para a xente que vén de fóra. Un concerto pode ser un reclamo tamén para revalorizar espazos históricos. E a verdade é que foi unha sorpresa cando contactou con nós o ano pasado o Concello de Bueu. Propuxemoslle facer algo especial e foi un éxito total, vendéronse todas as entradas. Parece que xa é tradición.

-E gustaríalle volver durante máis anos?

-Creo que é marabilloso o conseguir facer tradición e precisamente ese é o segredo dos grandes festivais europeos. A xente xa espera, créase unha especie de dinámica. Si, encantaríame volver. Isto claramente está nacendo moi ben.

-Este ano o concerto é no pazo de Santa Cruz, non nun recinto pechado. Vívense mellor os conciertos ao aire libre?

-Cada lugar ten os seus tempos, a súa acústica. O concerto do ano pasado foi na igrexa, que é un lugar que pide un tipo de música. Agora ao ser un concerto nun pazo como este, tamén con moita historia, vainos permitir ser unha especie de máquina do tempo. É algo que permite a música celta: ten a capacidade de facer viaxar a través do tempo porque existe dende fai centos de anos. Neste concerto imos poder experimentar máis sensacións ligadas ao espazo. Tamén faremos, por suposto, cousas novas.

-Vai tocar pezas inéditas. Que pode adiantar?

-Eu normalmente decido o programa cinco minutos antes de comezar o concerto. Observo como está o día, como está a xente...e con iso péchome uns minutos, fago a poción máxica, falo cos músicos e saímos.

-Como é a experiencia de tocar coa Banda de Gaitas Manxadoira?

-O ano pasado xa viñeron algúns deles e foi precioso. Este ano neste pazo vai ser perfecto porque imos situalos enriba da escalinata e vai ser unha posta en escena de película.

-O ano pasado un dos seus membros da súa banda, Jon Pilatzke, conseguiu conquistar ao público. Este ano vai volver?

-Por suposto. O primeiro que me dixo cando lle pedín que se viñese de xira por Europa foi: "What about Bueu?" (E Bueu?). El está encantado. Ademais, Jon ao aire libre vai a dalo todo porque é unha bestia en escena.

-O mesmo día que se anunciou o seu retorno a Bueu entraba en vigor a baixada do IVE cultural. Como ve esta decisión?

-Todo o que sexa axudar a música faga e o seu papel é importantísimo. Que consigas sobrevivir de xeito profesional coa música é unha milagre e debería estar máis protexida. Aínda que non nos axuden nós imos adiante por enriba de todo. É moi importante que a música sexa libre e independente e que os artistas non dependan desa limosna institucional.

-Dicía que é moi complicado vivir do mundo da música. Complícase o dobre ao tratarse de música celta?

-Claro, sen dúbida. Son músicas moi especiais, pero ao mesmo tempo temos a sorte de que somos herdeiros dunha cousa que se chama a "conexión celta". A min permitiume ir ao Festival de Lorient cando tiña 13 anos. Ese sentimento atlántico, a cultura, esa filosofía de intercambios, iso está aí e está vivo. É unha música que está ao marxe do "star system", pero seguramente iso é o que a fai especial. Moi poucas músicas do mundo permiten precisamente esa continuidade.

-A música celta une Galicia con outros países cos que comparte esta cultura, como Irlanda. Nisto reside parte da súa maxia?

-Sen dúbida. Ademais a música celta é a que proporcionou maiores éxitos internacionais á nosa cultura. Temos a gran sorte de ser herdeiros de todo isto e por iso preocúpame esta crise de identidade en Galicia e en toda España tamén: aparéntase modernidade copiando o que se fai nos países anglosaxóns. E cando ti chegas a América o que queren ver e vivir é a maxia propia de aquí, algo diferente, non o que xa teñen na súa propia casa.

-Con que se quedan os estranxeiros da música celta?

-Seguramente o primeiro que lles sorprende é que iso está vivo. O que lles fascina é que aquí é auténtico e non se está vendendo unha película de ficción. Esa ficción está aí: esstán vivindo unha aventura única na súa vida.

Compartir el artículo

stats