A noite do próximo sábado será unha noite de mouchos e mouchas. O adro de Darbo volve acoller o festival A Noite dos Moucho, que este ano reunirá a catro grupos que coas súas propostas musicais encargaranse de encher de música e de festa o entorno. "É un cambio de data [antes era en agosto] e tamén de ritmos. Pasamos da música tradicional e do folk a cumbias, ritmos balcánicos e sen esquecer os sons do ska", explican dende a organización. Os grupos que estarán nesta nova edición da Noite dos Mouchos serán os cangueses Balea's, O Sonoro Maxín, A Compañía do Ruído e Livia de Marrao.

O certame comezará a partir das 21.00 horas e o primeiro grupo en actuar será Balea's, coas súas cancións de blues, funk e rock. Tomarán o relevo os ourensáns O Sonoro Maxín, grupo formado en 2007 tras a unión de integrantes de Lamatumbá e Cinnamon Gun. Teñen percorrido toda España cos seus ritmos de verbena e letras reivindicativas, compartindo escenario con Manu Chao, Tonino Carotone, Che Sudaka ou Los Delinqüentes. O seu novo disco é "Setedezasete" e veñen de ser premiados na última edición dos Premios Martín Códax da Música.

O seguinte grupo será A Compañía do Ruído, que chega dende O Barbanza coas súas cancións nas que se dan a man ritmos como a samba, o ska, o reggae e os sons balcánicos e o rock. O peche da Noite dos Mouchos virá a cargo de Livia de Marrao, un grupo integrado por dez músicos e que conta cun dos directos máis potentes. A súa música bebe do ska, punk, folk-bravú...

Desde a organización sinalan que os máis pequenos terán tamén o seu espazo nesta edición da Noite dos Mouchos. Para o público infantil actuará o Mago Deimi, que vén dende Ourense.