Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro escolar (VI)

En abril de 1997 celebrouse en Bueu a primera edición da Mostra de Teatro do Ensino Secundario

O cartel da primeira edición, no ano 1997 en Bueu. // Carlos del Valle

Efectivamente, a finais do curso 95-96 a posibilidade de crear unha mostra de teatro para o ensino secundario abriuse camiño superando todos os inconvenientes que iamos considerando para a súa execución. En resumo, tratábase de apoiarse no que xa era un feito: o IB María Soliño tiña un grupo de teatro desde había moitos anos, outros centros de ensino tamén os tiñan ou os tiveran, unha mostra que nos reunise a todos unha vez o ano podería servir para asegurar que esa existencia se mantivese e para promover que novos grupos nacesen noutros centros. Tratábase de xuntar ensino e teatro, teatro feito en galego. Pero ademais, buscabamos un efecto engadido como sinalabamos no documento inaugural que preparamos: "...o establecemento de verdadeiros obradoiros de traballo afastando a práctica dramática nos colexios da tópica e case sempre anódina función de fin de curso".

Ensino, aulas, talleres ou obradoiros de teatro e normalización lingüística nunha mesma actividade chegaría para encher currículos, pero na nosa opinión, como o tempo foi demostrando, tratábase dunha ocasión extraordinaria para desenvolver outras dúas habelencias no alumnado: o intercambio de experiencias, opinións e puntos de vista e a capacidade de avaliación e autoavaliación crítica. É dicir, o necesario para fomentar a afección ao teatro de mozas e mozos que, ademais, desenvolvesen as súas capacidades a través del e que, chegado o momento deviñesen nun público competente e, quen sabe, en persoas ligadas á actividade escénica.

Neste sentido cómpre sinalar que o teatro escolar e a Mostra do Morrazo son a antesala dun número importante do alumnado das escolas de artes escénicas, primeiro, e dos profesionais do teatro, despois.

Establecemos un sistema de xestión que nos permitise afrontar a actividade sen grandes gastos, medindo e compartindo os esforzos e cun funcionamento racional e realizable. En síntese a nosa proposta seguía o seguinte esquema: a mostra celebraríase nun dos centros de ensino participantes durante os días que fosen necesarios (nunca foron máis de cinco); o centro anfitrión sería o organizador e quen xestionase os gastos; os grupos participantes seguirían as instrucións que o organizador indicase; os ensaios realizaríanse a tarde anterior a cada función; as funcións serían de mañá no horario que mellor lle acaese ao anfitrión. O sistema segue vixente vinte e un anos despois.

No outono de 1996, Antón Lamapereira e mais eu convocamos unha reunión coas direccións, vicedireccións e activistas teatrais dos centros de ensino medio do Morrazo e lles presentamos a proposta que causou, a un tempo, abraio e moita ilusión. Formamos un grupo para coordinar a mostra que se foi reunindo para establecer unha serie de complementos que resultarían moi convenientes (agasallos e merenda para cada grupo, participación dun convidado e, en edicións posteriores, creación dun concurso de carteis, edición de cadernos didácticos, creación dun concurso de pezas breves e exhibición dos espectáculos nunha especie de re-mostra que logo derivou na participación dos grupos no festival CITEAMOR). Determinouse, aceptando o ofrecemento do IESP Johán Carballeira acadado pola boa xestión da profesora Asunción Sóñora, que a primeira mostra sería en Bueu do 22 ao 25 de abril de 1997.

Na I Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo, cuxo cartel deseñou o profesor do IES María Soliño Carlos del Valle, participamos o IESP Johán Carballeira de Bueu, o IB As Barxas de Moaña, o Colexio San Narciso de Marín, o IB María Soliño de Cangas e o IES de Gondomar, como convidado. Para a clausura convidamos a Casilda García e Salvador del Río (Teatro de Ningures) que representaron uns fragmentos da obra "Tic-Tac." A primeira función da mostra foi "Os vellos non deben de namorarse, de Castelao", levada á escena por Comediantes Anónimos do instituto anfitrión, todo un clásico galego para o nacemento dunha nova criatura.

Xa desde a segunda edición foron incorporándose outros centros como o Colexio Pondal de Cangas, presente a partir dese ano no que el foi anfitrión, e máis adiante en 2002 IES de Rodeira de Cangas (coincidindo co traslado de Antón Lamapereira a ese centro), en 2005 o IES Illa de Tambo de Marín (antes Salvador Moreno) e en 2008 o IES A Paralaia de Moaña. Formouse, entón, un grupo de traballo, con profesoras e profesores de todos os centros participantes, que coordinaban a actividade: Antón Lamapereira (primeiro polo María Soliño e despois por Rodeira), Pedro P. Riobó (polo María Soliño), Asunción Sóñora e Félix Boullosa (polo Johán Carballeira), Guiomar López (polo Eduardo Pondal), Manuela Rodríguez Lorenzo, Héctor Silveiro e Alfonso Calvar (polo San Narciso) e Bernardino Cerviño (por As Barxas). O grupo mantívose con poucos cambios apoiado polo labor e as incorporacións de profesores como Ángel Currás (Eduardo Pondal), monitores como Salvador del Río (Johán Carbalheira e María Soliño), Fran Paredes e logo Rosa Domínguez (Johán Carballeira), Xoán Carlos Riobó (Rodeira), Vanesa Sotelo (As Barxas), Rosa Figueroa (Illa de Tambo) e vicedirectoras e vicedirectores destes centros como María Xosé Varela (profesora do Illa de Tambo e tristemente falecida en 2011), Manuel Rúa, Marifé García e Paloma Pérez (As Barxas), Margarita Varela e David Fernández (Rodeira) e Marta Rivas (María Soliño).

Ademais e desde o comezo, contamos sempre coa inestimable colaboración de Santiago Dopazo como técnico de sala. Como se pode comprobar unha nómina ben ampla para explicar a continuidade dunha mostra que en 2017 chegou á súa vixésimo primeira edición.

Como xa indicamos antes, a nosa intención era que se celebrase cada ano nun centro de secundaria, para darlle visibilidade na comunidade educativa e, ao mesmo templo, implicar a todo o centro no seu desenvolvemento. Só quen participou nalgunha destas edicións é consciente da extraordinaria interacción e das sinerxías que se establecen durante a celebración de cada mostra, que van máis alá do feito teatral e que atinxen a unha boa parte do resto do alumnado e departamentos: deseño, música, audiovisual... As dificultades dalgúns centros por non contar cun espazo axeitado e o vaivén do profesorado noutros non permitiu que isto fose sempre posible. Nestes vinteún anos o IES Johán Carbalheira foi o centro anfitrión en catro ocasións (1997, 2003, 2010 e 2016), o Colexio Eduardo Pondal en tres (1998, 2004 no Auditorio de Cangas e 2013) e IES As Barxas en tres (1999, 2008 e 2014), o Colexio San Narciso en dúas (2000 e 2007), o IES María Soliño en tres (2001, 2009 e 2015) e o IES Rodeira en tres (2002, 2011 e 2017, todas no Auditorio de Cangas) e outras tres mostras foron organizadas mancomunadamente no Auditorio de Cangas (2005, 2006 e 2012).

O elemento máis importante

Non quixera concluír este breve compendio sen falar do elemento máis importante de todos: o alumnado. A nómina de alumnas e alumnos participantes como intérpretes, técnicos e técnicas, escenógrafas e escenógrafos, músicos e mesmo autoras e autores é enorme. A media de cada edición sitúase en máis de setenta mozas e mozos o que sitúa a cifra de participantes directos nuns mil cincocentos, aos que hai que engadir o público asistente tanto do centro anfitrión como do alumnado que se despraza desde os outros centros para asistir ás representacións (unha media de oitocentos máis por edición).

Así podemos establecer que a Mostra ten mobilizado nestes vinte e un anos a máis de 18.000 rapaces e rapazas entre os doce aos dezaoito anos. Non está mal, pero non se trata só dun número, por impoñente que sexa, senón de persoas, moitas das cales terán agora máis de trinta anos, cuxa presenza, obra e lembranza nos contemplan desde os paneis de cada edición que cada ano se expoñen para dar fe da súa existencia.

Parabéns a todas e todos.

Compartir el artículo

stats