Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Angelina Pazó, recuperadora da capela de San Pedro

Xunto coa veciña María Alonso Pereira convenceu as familias propietarias do templo para que o doasen ao barrio

O seu marido, Juan Villar Ruibal, neto de Juan da Canle, embarcado no "Reina Victoria Eugenia" no ano 1924 en Ferrol (tarxeta de P.B.González).

Angelina Pazó Alonso nace no barrio de San Pedro no 1902. Era a filla máis vella de Faustina e Pedro, mariñeiro e fillo do gaiteiro Manuel Pazó (O Choqueiro). De mociña, comezou a traballar na fabrica de Figueroa, detrás da Casa das Luces axudaba no campo e á súa nai que atendía os partos das mulleres do barrio. O seu pai,quixo probar fortuna en Cuba pero as cousas non lle foron ben.

Angelina casou cun veciño da Rocha, Juan Villar, neto do coñecido clarinetista Juan da Canle que acompañaba ao Choqueiro e a Calino co acordeón nas festas que organizaban no barrio na taberna de siña Pepita (A Romera) e na do Choqueiro. Tiveron catro fillos dos que lle sobreviviron dous: Juan e Matías.

Era unha muller moi faladora e moi activa. Tamén o telexornal da casa, pois cada vez que saía, traía todas as novidades da vila. Asemade era moi distraída cun montón de anécdotas. Nunha ocasión foi á fonte do Enxerto buscar auga. Puxo o balde no "pouso" para botar unha "rajada". Cando cansou de rajar, colleu o balde, púxoo na cabeza e retornou a casa. Non se decatou de que o traía baleiro até chegar. Outra boa foi cando se puxo a asar castañas esquecéndose de picalas, e cando empezaron a estourar pensou que era cousa do demo, colleu a tixola e tirouna fóra da casa.

Era alegre e moi parrandeira con moito humor. A todo lle sacaba rima e tiña contos para cada ocasión. "Vamos comer, e comamos / e que non veñan máis cos que estamos/ e si veñen que veñan cunha perna ao lombo e a outra arrastrando", recitaba Angelina á súa maneira moi peculiar de bendicir a mesa. Ás mociñas do barrio cando moceaban con mozos de máis solvencia económica tamén lles dedicaba algunha cantiga: "Esas mociñas/ non sei que fan/ non son para elas/ os do gabán".

Naqueles tempos algunha xente non tiña medios para ir a un médico cando estaba enferma. No barrio de San Pedro estaba Angelina para curar os herpes e sacar a aireada. Todo o facía por axudar de maneira altruísta. Ela sabía as palabras para botar a aireada e facía o ritual para curar os herpes.

Angelina tivo moita relación con Pepe Poeta. Visitaban enfermos e axudaban aos necesitados. Conseguiron sacar da cadea a un veciño que levaba tempo preso por roubar unha galiña. No barrio, cando se sabía de alguén que enfermara, Angelina ía facerlle compañía; e, si a enfermidade era longa pedía esmola para que a familia do enfermo puidera manterse. Nestes mesteres acompañábaa Merenciana Cordeiro, de Cimadevila. O seu lema era "fai o ben e non mires a quen".

Era moi amiga da igrexa, moi beata. Daquela as misas eran en latín, e cando o cura Eduardo Mallo empezou a oficiar en galego, non ía as súas misas porque non entendía o que dicía... Angelina Pazó, xunto con María Alonso Pereira conseguiron que as dúas familias propietarias da capela de San Pedro, a doaran para o barrio. Fixéronse cargo dos arranxos que necesitaba: botarlle o piso e a placa do tellado, preparar as paredes, retablos e portas. Estaba en moi mal estado, até chovía dentro. O home de Angelina, mañoso onde os houbera, fixo os bancos de madeira onde sentar a xente durante os actos relixiosos.

Na capela había imaxes de tres santos (Pedro, Isidro, Domingo) e unha santa Lucía. Máis adiante completaron con máis imaxes cedidas polas monxas do colexio da Compañía de María.

Angelina e María fixéronse cargo da capela durante preto de corenta anos. Corrían con todos os gastos aínda que contaban con algunha axuda puntual de algunha familia veciña.

Tamén axudaba en Darbo, limpando a igrexa e poñéndoa relucente para as festas. O cura de Coiro, don Manuel, chamáballe a Sancristá de San Pedro. E tamén recollía roupa para levala ao psiquiátrico de Conxo, en Santiago. Angelina Pazó finou aos 83 anos, o 17 de setembro de 1985, ao pouco tempo de pasar a romaría de Darbo coa que tanto tivera colaborado.

*Membros de A Cepa

Compartir el artículo

stats