Media ducia de espazos públicos do centro urbano de Cangas toman hoxe o protagonismo na programación da Mostra, que se achega ao ecuador da 34ª edición. A xornada comeza na Casa da Cultura coa primeira sesión dun obradoiro sobre "O actor creador", a cargo de Víctor Duplá, e que terá continuidade nos vindeiros días entre as dez da mañá e as tres da tarde.

Ás 18.30 horas bota a andar o "Revoltallo en Pedra" coa representación de O Principiño, a cargo do Obradoiro de Teatro María Soliño, na Capela do Hospital, e media hora máis tarde o escenario pasa ao Eirado do Costal, donde Clara Miranda protagoniza o espectáculo Alegrías de Cádiz. Accións transitivas ¡Auch!, da Escola Municipal de Artes Escénicas de Cangas (Emaec). Ás oito da tarde, o "Revoltallo en Pedra" dalle paso á danza e trasládase ao palco da explanada das naves de Ojea, donde a Escola de Danza Inés Núñez dará conta das Danzas do Mundo, media hora antes de que Aroa Berjón leve ao Palco da Música Kakún, a árbore da montaña e A Coroa, a espada e o traxe suave de peluche. Seguiranlle as escolas de danza Maite Quiñones e Marga Outeiral con Danza na Rúa e o grupo de Danza Oriental, no adro da igrexa. E do "Revoltallo en Pedra" ao "Revoltallo en Sala," coa representación no Auditorio da obra Incendios pola Escola Municipal de Artes Escénicas de Cangas (Emaec).

A programación de onte tamén se repartiu en tres escenarios. Comezou ás seis e media da tarde na Praia de Vilariño, en O Hío, coa representación de Carballo con botas, por Teatro na Mochila; continuou ás 20.30 horas con Outono, de Pistacatro, na Praza de Ojea; e rematou ás dez e media da noite no Auditorio Municipal coa posta en escena de Nueve de nueve, de La Extinta Poética.

Máis para mañán

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas non da trégoa e mañá ofrece tres actividades. Ás oito e media da tarde actúa o dúo clown Las Polis, coa obra do mesmo nome. Ás dez da noite, no SalaSón disputarase o I Torneo de Dramaturxia de Galicia; e desde a medianoite, na mesma sala representarase Non é país pa ra conas, de Enconadas Producións, para adentrarse na madrugada.