A Lei Xeral de Educación que regulaba o ensino neses anos ( Lei 14/1970 coñecida como Lei Villar Palasí ) ademais dos oito cursos obrigatorios da EXB incluía o Bacharelato Unificado e Polivalente ( B.U.P) con tres cursos e logo viña o COU.

En BUP cabía a posibilidade que cada centro ofrecese un catálogo de disciplinas optativas nomeadas Ensinanzas e Actividades Técnico Profesionais (EATP) que se cursarían en 2º e 3º de BUP. Dentro dese catálogo había a posibilidade de solicitar teatro ademais de electricidade, informática, deseño, etc.

Por iniciativa de Celso Parada , apoiada por todo o claustro de profesoras e profesores, foi presentada en maio de 1986 a solicitude na Dirección Xeral de Ensino Medio da Consellería de Educación da Xunta de Galicia para poder implantar no curso 1986-1987 a especialidade de "Creación e escenificación literarias" que así se chamaba e foi aprobada.

Un feito importante pois deste xeito o Teatro entraba a forma parte do currículo escolar no ensino secundario.

Sen dúbida esta solicitude respondía ao contexto sociocultural da vila de Cangas na que xa desde o ano 1976, como fomos vendo ao longo destas crónicas, existía unha forte tradición teatral: Grupo de Teatro Matamoura (1976) Colectivo Múa (1981) Ancoradouro (1982) Taller da Escola Dramática Galega (1985)? Sen esquecer, claro está, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo que comezara a súa andaina en 1984. E aquí estaba tamén a redacción da Revista Galega de Teatro .

Este humus teatral e o feito de que o teatro tivese cabida no ensino público abría tamén o camiño para posibles saídas profesionais dentro das Artes Escénicas . Foi pois logo unha demanda con visión de futuro confirmada hoxe en día coa existencia de diferentes compañías profesionais na comarca.

Formación dun novo público

A E.A.T.P. de Creación e escenificación literarias tense ocupado de aportar unha formación actoral mínima aos estudiantes que optaron por ela así como de fornecelos dun coñecemento do medio teatral, da historia do teatro universal e do galego en particular, da aprendizaxe da dramatización e da adaptación dramática, da construcción e manipulación de máscaras, monicreques e marionetas que lles facilitase unha posición con garantías para optar ao ensino dramático universitario ou para integrarse no mundo do teatro profesional. Pero, sobre todo, procurouse antes de nada a formación dun novo público máis interesado e máis coñecedor do mundo teatral.

A análise da gráfica do alumnado matriculado na EATP/Teatro que amosamos de seguido, debería ser estudada e valorada para levar adiante unha política cultural municipal de creación e fidelización de públicos.

Naquel primeiro curso a matrícula de alumnas e alumnos para o 2º curso de BUP ascendeu a 32 repartido en dos grupos de 16.

Coa extensión da matrícula a 3º curso, a media de alumnado matriculado en dez anos, desde o curso 1987-1988 ata 1997-1998 foi de 63, repartido sempre que foi posible, en catro grupos: dous de segundo e dous de terceiro.

Adscrita ao seminario de Lingua e Literatura Galega a materia comeza a ser impartida polo profesor Celso Parada.

Soledad Robleda, Antón Lamapereira e Pedro Pablo Riobó serán tamén profesores desta materia en outros cursos académicos.

Ao ensino e á aprendizaxe teatral hai que engadir ademais a realización de toda unha serie de actividades integradas dentro e fóra do currículo da materia que tiñan como fin axudar ao reforzo dos obxectivos sinalados. Sobre isto escribiremos a próxima semana.

| As persoas que desexen facer aportacións ou suxerencias a esta nova serie poden escribir ao correo cronicateatromorrazo@hotmail.com

---> continúa o vindeiro domingo