Máis de tres décadas leva o instituto María Soliño, de Cangas, recoñecendo ás novas xeracións de poetas espallados polos centros escolares de Galicia co certame que lle dá nome, e cada fin de curso cobra vida coa entrega de premios. Onte mantívose o guión nun concurrido acto que contou coa presenza dos membros do xurado, as poetas buenenses Lucía Novas e Miriam Ferradáns, así como dos galardoados e achegados.

Na categoría A, reservada para o alumnado de ESO, o gañador foi Fabián Niño Hernández, estudante de 4º curso no IES Plurilingüe Fontem Albei, de A Fonsagrada (Lugo). O segundo premio concedéuselle a Jessica Coejo Grande, alumna de 1º de ESO do IES Francisco Asorey, de Cambados, e en terceiro lugar premiouse o traballo de Nia Perona Bzik, do IES Plurilingüe Fontem Albei, de A Fonsagrada.

Na categoría B concurren alumnas e alumnos de bacharelato e ciclos de grao medio. O xurado declarou gañador a Enzo Ramírez Fuenmayor, estudante de 2º curso de bacharelato do IES de Poio, e o segundo premio foi para Iria Rivas Prieto, alumna de primeiro de bacharelato do IES Plurilingüe San Rosendo, de Mondoñedo (Lugo), mentres que o terceiro premio quedou deserto, segundo sinalou a organización.

Os 32 anos de traxectoria do certame de poesía María Soliño, tantos como leva activo o instituto, foron dándolle sona por todos os puntos de Galicia, de donde chegaron traballos optando aos galardóns. Con eles edítase cada ano un pequeno libriño cos poemas seleccionados. Hai sete anos, coincidindo co seu primeiro cuarto de século, saíu á luz unha publicación coa escolma dos premiados desde que iniciou a súa andaina o certame, que ten vocación de continuidade.