Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Alan Lomax, etnomusicólogo norteamericano no Hío

Coa sua axudante Jeanne Bell percorreu a Península Ibérica para recoller mostras do folclore

Lomax visionando os negativos fotográficos na súa visita a España en 1952.

O etnomusicólogo texano Alan Lomax (1915 - 2002) viaxou polo mundo para recoller mostras do folclore de Italia, Romanía, Irlanda, India . En España o seu traballo foi recollido no libro Folk songs of Spain

Tivo un papel importante no rexurdir do Folk dos anos 50 e 60 en Estados Unidos e Inglaterra. Lanzou á fama a varios cantantes de blues e recibiu un Grammy a título póstumo como recoñecemento á súa aportación á música

Coa sua axudante Jeanne Bell percorreu a Península ibérica enfrontándose a malos camiños, hospedándose en aldeas sen electricidade e sufrindo frío. O réxime franquista desconfiaba deles e mantívoos vixiados pola Garda Civil. A súa intención era estudar e recoller as composicións tradicionais gardadas na memoria das xentes .

Alá no duro inverno de 1952 chegaban a Galicia. Contactaron co Museo de Pontevedra e con persoas coñecedoras do noso folclore.Visitaron once lugares entre eles a parroquia de O Hío

Coa publicación, no ano 2001, do disco The Spanish Recordings. Galicia, o mundo do folclore axitouse de maneira especial. Até entón o xeito de entender a gravación e custodia do noso patrimonio inmaterial era bastante difuso, e soía atoparse como propiedade dos colectivos culturais que se dedicaban á tarefa da recollida, sen demasiado rigor científico dende o punto de vista antropolóxico.

A causa dos conflitos e desconfianzas entre ditos colectivos era, e segue sendo, unha problemática de índole económica xa que a competencia polos escasos recursos levaba a entender a custodia e pertenza deses materiais como unha vantaxe .

A aparición do traballo de Alan Lomax supuxo un antes e un despois. Trinta gravacións, dispares, complexas, ricas e rigorosas ían ser liberadas para o dominio público. Rexistrou na súa gravadora todo tipo de manifestacións musicais populares, o que el chamaba "música do pobo". Interesáballe todo o tradicional.

Moito se falaba dese disco. Nos locais de ensaio, nas tabernas, nos seráns ou nas foliadas había o ruxe- ruxe de que un importante material ía a ser publicado, que era moi interesante e contiña gravacións de gaita, toques de chifre, cantos de traballo ou pandereteiras.

As pezas "Asubiasme de Lonxe" (recollida no Hío), "Canto de arrieiro" ou "Canto de Canteiros" amosaban unha beleza e un valor antropolóxico impresionante, ademais de seren temas que practicamente se tiñan perdido até a sua publicación .

Ao tratarse da gravación máis antiga realizada dende unha perspectiva musicolóxica tamén botaba luz a diferentes puntos de vista sobre a nosa tradición musical.

Por exemplo, sobre o carácter do canto tradicional, diferentes eran as teorías sobre como se cantaba, dado que as recollidas que existían até o momento xeralmente se debían a informantes de avanzada idade que cantaban coa súa voz e cos seus folgos vidos a menos.

Na gravación escoitamos ás cantareiras en toda a súa plenitude, sendo polo xeral un tipo de canto enérxico e en tonalidade moi aguda, onde era moi habitual o uso da polifonía, figura que se tiña descartado do canto tradicional Alén de todo isto, a publicación do libro trouxo aires novos ao repertorio e xeito de entender o noso patrimonio inmaterial. A publicación de "The Spanish Recordings. Galicia" foi como o descubrimento do Pergamino Vindel no mundo literario, e a súa onda expansiva aínda se sinte hoxe en día.

Artistas como Davide Salvado, Leilía, Xosé Manuel Budiño, Nelson Quinteiro e moitos outros teñen recollido temas do arquivo de Alan Lomax nos seus repertorios, actualizando o material e amosando, unha vez mais, que a música é unha arte viva, en movemento e que admite todo tipo de interpretacións e revisións .

Dende o 2001 moito teñen mudado, por fortuna, as cousas . Resaltar a importancia e relevancia do proxecto Arquivo Sonoro de Galicia que se emprende dende o Consello da Cultura Galega e que paseniño vai publicando todo o material que chega ás súas mans, ou do Proxecto Ronsel da Universidade de Vigo.

Gravacións moi interesantes e necesarias ao respecto debémosllas á Asociación de Gaiteiros Galegos co disco "Derradeira Pola vila", a Mini e Mero co libro-disco "Cantos, coplas e romances de cego" ou ao máis achegado Cangas. Cantigas do mar e cantares do lar. Gravacións públicas que poñen en circulación e revitalizan o que é de todas e todos, o noso patrimonio inmaterial.

Na primeira parte da gravación de Lomax no minuto 36 na canción titulada Vente Vindo hai unha copla que fai referencia a O Hío e a Aldán que di así: "Santo San Andrés do Hío/ Levabábano para Aldán/ Nunca lle quixo pasar/ O río de San Sibrán.

Grazas Alan Lomax por téreste achegado a gravar músicas polas terras do Morrazo e recuperar no Hío o tema titulado Asubíasme de lonxe.

Compartir el artículo

stats