Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Leticia Santos: "En dous anos poderemos encauzar os temas do auditorio e do centro de saúde"

No ecuador do mandato, pon ao bipartito como exemplo "por priorizar os intereses veciñais"

Leticia Santos no seu despacho, co famoso cadro de Castelao presidindo a sala. // Gonzalo Núñez

Leticia Santos acaba de cumprir o segundo ano na Alcaldía de Moaña. A primeira muller que preside o Concello chega ao ecuador do seu mandato "orgullosa" de moitas das cousas feitas e con retos por diante. Insiste en numerosas ocasións no "carácter social" que lle queren dar a súa xestión os integrantes do goberno bipartito.

-Con que ánimo chega ao ecuador do mandato?

-Co mesmo ánimo co que afrontei este reto de ser alcaldesa. Non sinto desgaste. Cando asumimos o reto de gobernar tiñamos claro que implicaría un compromiso importante e sigo con ese compromiso.

-Ten dous anos por diante. Que é o que máis ilusión lle fai sacar adiante?

-Temos moitísimos proxectos abertos Pero os máis ilusionantes son aqueles que de verdade poden influír na mellora da calidade de vida da veciñanza. Todo o que teña que ver con mellorar cuestións do día a día das persoas que viven en Moaña. Iso pasa por seguir ofrecendo servizos de calidade, seguir mellorando as instalacións municipais e avanzar cara unha Moaña máis accesible e máis segura.

-Pensa que en dous anos se poderán, polo menos encauzar, os asuntos do auditorio e do centro de saúde?

-Estamos xa con trámites nos dous asuntos e van no bo camiño. No caso do centro de saúde xa estamos a traballar para buscar acordos cos propietarios da zona para poder comezar a urbanización necesaria para logo entregar a parcela á Consellería de Sanidade. No caso do auditorio, traballamos para convocar unha xunta de compensación para desenvolver urbanísticamente a zona que falta. Hai que chegar ata o terreo cunha rede viaria. Tamén seguimos avanzando na búsqueda de financiamento con outras administracións. Tamén estamos pendentes de adaptar o proxecto do ano 2008 á normativa actual.

-Nestes dous anos non trascendeu ningunha crise cos socios de goberno do PSOE. Como funciona o bipartito de portas adentro?

-Pois igual que de portas a fóra. Tanto un grupo como o outro antepoñemos o beneficio da veciñanza antes do beneficio partidista. Espero que sigamos así os dous grupos. Tanto o PSOE como o BNG temos claro que o importante é ser un exemplo de que chegando a acordos e antepoñendo os intereses da veciñanza se pode gobernar con consenso e sacar cousas adiante de maior envergadura. Podemos ser exemplo incluso para outros concellos. Neste caso, ademais, temos moi boas relacións persoais entre as persoas que compoñemos o equipo e iso é un dos puntos fortes do noso goberno. Seguimos "a rajatabla" o pacto de goberno e temos as cousas claras.

-De que está máis orgullosa nestes dous anos?

-De que realmente si que se nota un cambio en Moaña. Un goberno máis próximo que está ao lado da veciñanza. Que organiza actividades de calidade en todas as súas áreas, co obxectivo de que os moañeses teñan á vila como referente para vivir e disfrutar. Para quedarse aquí en lugar de irse fóra. Conseguimos medrar en número de visitantes. Tamén apoiamos ao comercio local e aos hosteleiros con distintas iniciativas. Creo que se nota no Concello unha actividade constante e moito dinamismo.

-Esperabades reducir a débeda en 4,5 millóns de euros e o periodo medio de pago a proveedores de 135 días a apenas 16?

-Os retos do Concello a nivel económico non son a nosa prioridade. Nós somos un goberno de cariz social. No tema financieiro do Concello, tanto a débeda como o periodo medio de pago, se reduciron en cifras moi considerables. Pero nós chegamos ao goberno a mellorar a calidade de vida das persoas, non para reducir débeda. Pero se non a reducíamos nos podían quitar servizos esenciais pero que o Estado considera impropios para un Concello de menos de 20.000 habitantes, como os servizos sociais, a Ludoteca ou a Escola de Música. Son cousas as que non queremos renunciar porque os nosos veciños teñen dereito a ter eses servizos. Aínda reducindo a débeda fomos quen de aumentar nun 150% as partidas de benestar social. Queremos desmentir a idea que promulga a dereita de que cando as cousas van mal hai que recortar. Nós apostamos por un uso racional dos recursos públicos. Conseguimos aforrar moitísimo diñeiro coas licitacións e coa renegociación dos alugueiros. Tamén axudou facer uns orzamentos adaptados ano a ano ás necesidades do Concello. Outra cuestión importante é esixir ás empresas concesionarias que asuman os seus deberes fronte ao Concello, como a batalla que estamos a librar con Aqualia e que dá froitos.

Compartir el artículo

stats