Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Neneta, solidariedade na India

É a impulsora da escola "María Soliña", no estado de Odhisa, na que hai escolarizados máis de 300 nenos e nenas

6

Neneta, solidariedade na India

No outono de 1999, viviu de preto o ciclón que asolou o estado indio de Odhisa, entón a posibilidade de axuda despregouse e fíxose real coa construción dunha escola. Os fondos para iniciar a edificación recadáronse principalmente entre amigos e coñecidos de Cangas e Vigo. Unha corrente solidaria e a tenacidade de Neneta converteron en realidade o que semellaba imposible. No 2005, ano da inauguración, a escola contaba só con planta baixa e acollía unicamente nenos e nenas dos arredores. Para facilitar os trámites e a legalización constituíuse a ONG Shanga ["amigo" no idioma local]. Dende este momento o proxecto non deixou de medrar. "María Soliña" atópase en Pubai preto da cidade sagrada de Puri. De contorna rural extremadamente pobre e estrutura social primitiva. A poboación, moi dispersa e con enormes carencias, habita en casopas con cuberta de palla. Apenas hai servizos básicos. Falan na lingua de Odhisa -o "oriya"- cun alfabeto de seu, esta é a lingua do ensino.

"María Soliña" é máis que unha escola. Escolariza a 300 nenos e nenas no Ensino Básico e High School; 220 son residentes, para eles é un fogar de acollida. Proporciónanse ao alumnado 700 pratos de comida diarios e asúmense 28 nóminas do persoal que é autóctono. No día a día a xente miúda traballa, con gran motivación, xogan, axúdanse e realizan pequenas tarefas. Para eles, poder estudar é un privilexio. Pola noitiña -unha vez rematada a xornada escolar- é o momento das actividades de lecer: educación física, ioga, música e danza...Todo este labor é posible grazas ao inestimable traballo de Umesh, oriundo de Puri, estreito colaborador de Neneta.

En Cangas, pobo moi solidario, séntese o proxecto como propio. Cando Neneta regresa no mes de abril, moitas persoas achéganse a ela pola rúa para interesarse pola escoliña da India. O IES cangués María Soliño e os colexios de primaria adscritos, colaboran na difusión da experiencia e na obtención de recursos. O arquitecto de Cangas Xavier Currás é un incondicional colaborador que cos seus proxectos construtivos fixo posible unhas instalacións sólidas e fermosas nas que desenvolver as actividades necesarias.

Actualmente, debido á evolución social do país e a creación de algunhas novas escolas, a maioría do alumnado provén de zonas afastadas ou tribais onde non existen posibilidades de escolarización. A dinámica de mellora non diminuíu nos últimos tempos, o ano pasado rematouse a fosa séptica, obra punteira imprescindible para eliminaren augas residuais e finalizouse a gran sala multiusos onde durmirán a maioría dos nenos. En xaneiro recibiuse unha doazón puntual para a depuradora de auga que xa está a funcionar.

Mención especial merece o "Taller de Costura" que xa conta con dez máquinas de coser. O xastre confecciona uniformes e roupa para os escolares. Neneta, moi involucrada na funcionamento do mesmo, leva persoalmente a actividade de costura cun grupo de nenas. Aprenden a coser a máquina e a bordar. Inícianse coa confección de bolsiñas de vistosos tecidos de teas de sari que logo se venden na propia escola aos visitantes ou nos mercadiños de Cangas. Neste espazo trabállase con ledicia e ilusión.

O proxecto María Soliña ten un motor, Neneta. E unha gasolina, a solidariedade. Neneta neste momento da vida, dende que cesou a súa actividade laboral, converteu a escola nun obxectivo, nunha paixón. Cada ano vive seis meses en Puri dedicada ao seu seguimento e mellora. Quen se achegou á escola probablemente garde na pupila a súa imaxe baixo un sol de xustiza, cun sombreiro de palla supervisando unha obra, nunha tenda local comprando unha enorme ola para a cociña, inmersa no bulebule do mercado de Puri na procura de teas para as bolsiñas, acompañando ao colectivo a unha excursión ao lago Chilika, plantando un papaio no recinto escolar, pintando un muro...

Nunha actividade sen paraxe, cunha impronta moi persoal, enérxica e decidida, soubo converter as dificultades en posibilidades, un terreo ermo, nun xardín. Esta experiencia solidaria merece e precisa moito apoio. Quen visitou a escola "María Soliña" na India non a esquece.

[ Para máis información visitar a páxina: www.shangaindia.org onde tamén se pode ver o documental "Un trozo de cielo", realizado por Luís García Verdú a iniciativa de Babaji]

* Membros da Asocioción Cultural A Cepa e da Asociación Shangaindia

Compartir el artículo

stats