O teatro non é só cousa de adultos. Os nenos e nenas dos colexios de Cangas levan xa dezaséis anos encargándose de demostralo sobre o escenario. Onte non foi menos. A Federación de ANPA A Gameliña celebrou a súa XVI Mostra de Teatro Escolar, xusto a menos dun mes de que a recoñecida Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas erga o pano.

En total participaron máis de 130 estudantes dos colexios de Castrillón-Coiro, San Roque, O Hío e Espiñeira, todos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Puxeron en escena un total de oito representacións teatrais baixo a dirección de Rosi Figueroa e colleitaron un gran éxito por parte do numeroso publico que acudiu ao Auditorio de Cangas.

O colexio de Castrillón representou ata tres obras: os máis pequenos presentaron a súa adaptación do clásico "O rei león"; os medianos do cole de Coiro interpretaron "O neno" e os maiores remataron coa historia de "Xoán Senmedo". Pola súa banda, o colexio público de San Roque tamén estivo dobremente representado. Por unha banda presentou a historia de "Moncha e a mancha", mentras que o alumnado de maior idade encargouse de representar "Breixo Louro".

Os pequenos estudantes do colexio do Hío tamén tiveron o seu protagonismo coa presentación de dúas obras teatrais, unha titulada "O pastor mentireiro" e outra que levaba o suxerente nome de "Unha de medo". Finalmente, o alumnado de Espiñeira, en Aldán, fixeron a estrea de "Os cinco cabritiños".

O teatro voltará ao Auditorio este martes ás 20.00 horas, co peche do Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo (Citeamor), mentras que o vindeiro fin de semana será a quenda dos festivais solidarios do IES María Soliño e de Aspamsim.