O Proxecto Orquestral volveu atoparse este venres co seu público en Cangas. E con este xa van sete proxectos deste amplo conxunto de músicos e mestres do Conservatorios e Escola de Música de Cangas. Ata 140 compoñentes se chegaron a dar cita na edición deste ano no Auditorio cangués.

Unha das grandes novidades do concerto deste ano foi a estrea absoluta dunha peza titulada "Hope" (Esperanza), composta por un dos músicos da orquestra, o clarinetista Jorge Vidal. Como non podía ser menos, o Auditorio volveu a estar ateigado de público.

O Proxecto Orquestral está integrado por máis de 60 músicos e o seu director é Alberto González Avilés. O coro está dirixido por Andoni Conde Villar e tamén supera os 60 compoñentes. O concerto estivo dividido en dúas partes. Na primeira interpretaronse coñecidas pezas de John Williams, Andrea Morricone, Ennio Morricone, así como a estrea de "Hope" ou un tema do director da orquestra, "Un Nadal de fantasía", de Alberto González.

Na segunda parte a orquestra interpretou complexas composicións de Prokofiev e Tchaikovsky. Antes de rematar subiu ao escenario o coro para interpretar xunto ao Proxecto Orquestral "Sunrise, sunset" de Jerry Bock, e o terceiro movemento da suite "O príncipe de Exipto", de Schwartz e Hans Zimmer.