Unha persoa sinxela, leda e san a que todo se lle daba ben: xogar, estudar, correr ou nadar, en palabras do seu veciño e amigo Carlos González. Posuidor dunha gran brillantez intelectual, ademais dos idiomas propios, dominaba outros oito: xaponés, inglés, francés, italiano, portugués, latín e grego. Traduce linguas como o chino e o alemán. Home sinxelo intentou pasar desapercibido na súa vertente persoal pero foi considerado coma unha auténtica autoridade mundial na materia para a aprendizaxe do xaponés dos falantes de lingua inglesa.

O profesor Antonio Alfonso foi autor da gramática xaponesa máis coñecida, a "Japanese Language Patterns" (Paradigmas da Lingua Xaponesa), a mellor gramática de calquera lingua do mundo segundo a opinión do profesor Kuno da Universidade de Harvard e coñecida no propio Xapón como a Biblia do xaponés. É un estudo comparativo dos paradigmas do xaponés falado e da lingua inglesa para saber os problemas que tería un alumno de fala inglesa para aprender xaponés.

Resulta que, con 25 anos, o mozo Antonio Alfonso marcha ao Xapón interesado polo coñecemento da filosofía, a lingua e os pensamentos orientais. Alterna o ensino de xaponés no centro Sofía de estudos xaponeses en Tokio con outras universidades de Estados Unidos, sendo coñecido como profesor Anthony Alfonso, unha eminencia no mundo universitario anglosaxón e xaponés

Durante un ano ensina o xaponés en Honolulú (Hawai) e dende 1966 é catedrático de xaponés en Canberra, na Universidade Nacional de Australia. Aquí casa e ten dous fillos. Tamén escribe o "Curso Básico" da lingua escrita xaponesa en catro volumes. E por encargo do Goberno australiano elabora materiais ilustrados a toda cor, outros catro volumes, para o alumnado das ensinanzas medias que se teñen convertido no libro de texto oficial de todos os colexios de fala inglesa onde se ensina o xaponés. A difusión das súas obras foi enorme. Ao negarse a cederlle aos Xesuítas os dereitos de autor das súas obras, foi expulsado da orde.

O Goberno de Australia contrata ao profesor Antonio Alfonso Pardavila na súa condición de excepcional niponólogo, como asesor para a implantación da lingua xaponesa como unha segunda lingua opcional na currículo estudantil integrándoo como profesor da Universidade Nacional de Australia (UNA). Dende 1966 até 1987 ano no que se xubilou, despregou os seus coñecementos científicos da lingua xaponesa e o planeamento curricular adoptado en Australia.

Corre o rumor de que o profesor Alfonso se ofreceu ao Ministerio de Educación español para organizar os estudos de xaponés nas universidades españolas; pero que nunca recibiu resposta. Despois de xubilado exerce como especialista de Xaponés na Escola Oficial de Idiomas en Madrid e os libros de xaponés da súa autoría empregáronse nas escolas de idiomas de toda España, mesmamente na de Vigo.

A pesares da distancia xeográfica do seu traballo non se esquecería de Cangas e dos seus veciños. Escribe o mestre e investigador Xerardo Dasairas que Antonio Alfonso "visita en diversas ocasións e en curtas estadías o seu Aldán natal, retomando o contacto cos seus familiares e deixaría constancia de que non se esquecera do idioma galego nin da familia, a pesar da residencia continuada en países con idiomas diferentes. Con motivo da súa última visita, a súa figura tivo certo eco mediático e incluso se falou de homenaxealo ou dedicarlle unha rúa, asuntos estes que, a día de hoxe, aínda dormen no baúl dos proxectos adiados sen prazo de execución".

Antonio Alfonso Pardavila, o profesor Anthony Alfonso, como era coñecido internacionalmente,o eminente lingüista especialista en xaponés, faleceu o 11 de maio de 2007 na cidade australiana de Canberra, na que vivía.

E o xornal ABC dá conta nesa mesma necrolóxica que polos seus moitos anos no ensino nos países de fala inglesa, foi un dos poucos occidentais, distinguidos polo Emperador e polo Goberno xaponés, cunha das condecoracións de máis prestixio do Xapón. Comentábase que este natural de Aldán, cando falaba na lingua xaponesa, senón lle mirabas a cara, pasaba tranquilamente por un xaponés máis.

*Secretario de A.C. A Cepa e mestra de Cangas