Se resulta complicado reiniciar cada curso unha proposta musical con xente e repertorio renovados, máis difícil é medrar en cantidade, calidade e complexidade do espectáculo, como semella ter acadado este ano o Proxecto Orquestral, formado por alumnos e mestres do Conservatorio e a Escola de Música de Cangas. Sete anos despois de emprender a súa andaina, reencóntranse mañá (21.00 horas) co público no Auditorio municipal, escenario no que chegarán a xuntarse ata 140 compoñentes, entre membros da orquestra e do coro. Entre os pluses do concerto están a interpretación, por primeira vez, dunha peza, "Hope", composta por un músico da orquestra, Jorge Vidal, e de obras de Prokofiev e Tchaikovsky, de gran complexidade, como recalca o director do Proxecto Orquestral, Alberto González Avilés.

O repertorio está dividido en dúas partes. Na primeira interpretarán "Olimpic Fanfare and theme", de John Williams; "Cinema Paradiso", de Andrea Morricone; a estrea absoluta de "Hope", de Jorge Vidal, "Deborah´s theme", de Ennio Morricone; e "Un nadal de fantasía", de Alberto G. Avilés. Trala pausa será o turno da "Suite Prokofiev", de Sergei Prokofiev, e da "Andante Cantabile (2º movimento da sinfonía nº5 en Mim), de Pyotr I. Tchaikovski. A continuación subirá o coro para interpretar xuntos "Sunrise, sunset", de Jerry Bock, e o terceiro movimento da suite "O príncipe de Exipto", de S.Schwartz e H.Zimmer, con arranxo do coro a cargo de Susana Moreira.

A presentación dos concertos -o seguinte será o 22 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra, tamén con entrada de balde- foi onte no Concello, O alcalde, Xosé Manuel Pazos, e o concelleiro Xoán Chillón destacaron o traballo e a constancia dos artífices do Proxecto e a calidade do resultado, e convidan aos veciños a disfrutalo en concerto.