Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Os Piñeiros da Rocha, un oficio familiar

Andaban as piñas, que vendían nas casas como combustible e entre os homes destaca unha muller: Angelina Gómes

Josefa Pazó Carracelas co seu neto .

Dedicado a Josefa "A Pita", loitadora incansable que nos proporcionou estas vivencias, testemuño vivo dos Piñeiros da Rocha. A todos eles o noso agarimo.

Os Piñeiros tiñan que gabear polos piñeiros a pelo, axudándose dunha ferramenta que eles mesmos crearon: o cachado,dos paus, un deles longo con outro pequeno atravesado na punta. Ao chegar arriba, abaneaban as polas para que caeran as piñas ao chan. E as que se resistían, golpeábanas co cachado que tiñan canda eles.

Tamén empregaban o cachado para cambiarse dun pino a outro, evitando baixar e subir reiteradas veces. A esta manobra chamábanlle a cámbea. Achegaban o piñeiro que tiñan enganchado o máximo posible e saltaban.

Os que rubían ás árbores era todos homes; todos menos a señora Angelina, a mellor de entre todos eles. Gabeaba de tal maneira que deixaba atrás aos mellores Piñeiros da Rocha. Aínda cando foi vella non se lle impoñía ningún traballo. E cargaba ao lombo tres sacos de piñas de cada vez.

Para trasladalas idearon un carro feito de forma artesanal. Consistía nunha táboa cunhas rodas feitas cun rolo de piñeiro e uns paus que facían de soporte (coma os fungueiros dun carro de vacas). Subían as costas tirando do carro (non había outra!) e baixábanas montando neles aproveitando a inercia. Por veces as rodas saíanse e algún ten ido por un terraplén abaixo.

Esta xentiña, coma auténticos piratas terrestres, andaban con moito disimulo facendo o seu labor. Tiñan que evitar que os gardamontes os pillasen. Daquela os montes públicos pertencían ao Estado e estaba totalmente prohibido recoller nada neles, por outra banda os donos das tomadas privadas tampouco estaban gustosos de que lles collesen as piñas. Nada que ver co que acontece nos países nórdicos, como en Finlandia onde, independentemente da titularidade dos montes, os froitos que xeran os bosques son de uso público e calquera pode recollelos.

Conta señora Josefa (A Pita) que nunha ocasión baixaban cos carros cargados de piñas dos montes de Beluso, e ao chegar á Portela atopáronse coa ronda que, saíndo do escondite, deulles o alto. A Pita que ía diante co seu irmán Evaristo, díxolle: -"Varisto, corre Varisto que estes non nos pillan costa abaixo! Quixeron escapar pero a Benemérita, pistola en man, advertiu: ¡¡alto o disparo!! E non tiveron outra.

A Pita, que tiña moito xenio, desatou os sacos e esparexeu as piñas todas polo camiño. Un dos garda civís deulle unhas "opras" e a deixou media apampada, obrigándoa a recollelas.

Leváronos para o cuartel de Bueu. Requisáronlles toda a carga, non atenderon as súas peticións ao rogárenlles levar cadanseu saco, que era o pan dos seus fillos. Os gardas non se compadeceron deles, e tiveron que vir de volta para casa, reloucando pola mala sorte que tiveran despois de todo un duro día de traballo.

Por veces os Piñeiros ían traballar a Barra e a punta Couso. Entón ían vogando nunhas gamelas alugadas a Antonio (O Berecho) e a outra xente. E tamén era Angelina a que destacaba cos remos. Ao chegar a punta Couso tiñan que agardar á chegada da noite para non ser sorprendidos polo gardián que había nun enorme piñeiral privado . Cando tiñan as gamelas ben cargadas, poñían proa a Bouzas para vendelas .Un quedaba de garda e os outros ían polas portas ofrecendo a mercadoría. En Cangas vendían tanto para casas coma para os fornos. De volta para San Pedro, ao remate da xornada, non podía faltar a parada na taberna do Berecho na rúa Real (hoxe nº50, fronte a fonte da Mina). Deixaban os carros aparcados en fila india, coma se fosen coches.

Alí paraban tanto os homes como as mulleres a comer uns manises , uns bocadillos de chandarme e a beber unha fecha de viño. O Berecho, cando os miraba entrar púñase moi ledo (el tamén era do barrio de San Pedro) e dicíalles: ¡¡Virse pacá miñas careliñas!!

O traballo dos Piñeiros era moi duro. A pesares de seren moi hábiles subindo ás árbores, sempre había algunha que outra caída. E aqueles piñeiros eran máis altos dos que hai hoxe en día polos montes, polo que, de cando en vez algún viña para casa cunha costela ou cunha perna aquelada. Modesto Gómez Ruibal incluso quedou chosco por mor dun "pinchaso" cun pico nun ollo, que se lle infectou.

Este traballo desenvolvíano durante a tempada das piñas, despois volvían ao campo ou ao mar, segundo o oficio de cada quen.

No ano 1994 Juan Villar Pazó ,presidente da Comunidade de Montes de Darbo, solicitou oficialmente ao Concello de Cangas un recoñecemento para os Piñeiros da Rocha. Debeu haber silencio administrativo como resposta polo que foron os propios Comuneiros os que se encargaron de facer un carro das piñas en ferro, colocándoo na explanada do Balcón do Rei, onde está hoxe como homenaxe a esta xente. Aínda estamos a tempo dun recoñecemento público aos Piñeiros da Rocha e máis á señora Angelina, a mellor piñeira de entre todos eles. Tempo é de facelo.

DOCUMENTACIÓN:

-Testemuñas varias de familiares dos Piñeiros.

- Conversas con Josefa (A Pita) que nos proporcionou moita información do traballo dos Piñeiros da Rocha.

-Escrito asinado por Juan Villar Pazó como presidente da Comunidade de Montes de Darbo solicitando ao Concello de Cangas un recoñecemento para os Piñeiros (entrada no rexistro 5/03/ 1994).

Compartir el artículo

stats