A celebración deste ano do Día Internacional dos Museos foi unha das máis multitudinarias que se lembran na Mangollana, a casa museo do artista Camilo Camaño Xestido. Pola mañá acudiron á visita guiada polas instalacións máis dun cento de persoas e pola tarde superáronse todas as previsións, con máis de 200 visitantes, e houbo que organizar varios grupos. Unha moi boa nova e que demostra a importancia do mundo da cultura.

Este ano aproveitouse a data para entregar unha serie de distincións como membros de honra de Amigos da Mangollana. Trátase dun recoñecemento que segue a estela dos premios Luces da Mangollana, que se entregaron durante once anos. "Estas distincións non se entregan anualmente e o seu obxectivo é recoñecer a labor a prol da cultura e das artes de distintas persoas. Esta vez céntramonos no eido da música", explica o artista Camilo Camaño.

Os tres homenaxeados deste ano son o antigo director da Banda de Música de Moaña, Manuel Iglesias; o cantante Xil Ríos; e o músico e director do Coro San Xosé de Cangas, Tucho Perete. Anteriormente xa recibiran este mesmo recoñecemento a Banda de Gaitas Manxadoira de Bueu e o compositor Ernesto Campos.

Os tres recibiron onte unha emotiva homenaxe na Sala G da Casa Museo A Mangallona, que estaba ateigada de público. Entre os representantes políticos estaban a deputada provincial Digna Rivas; Xosé Manuel Pazos e Xoán Chillón polo Concello de Cangas; Leticia Santos e Salvador Meira polo de Moaña; e José Cuervo e Fidel Castro polo de Bueu.

Os actos da tarde comezaron cun pasarrúas da Banda de Gaitas Manxadoira de Bueu, que logo interpretou algúns temas máis, e incluiron proxeccións, intervencións e a actuación musical do dúo Os Galaicos.

Que a luz da cultura non esmoreza nunca e que xamais deixe de alumearnos!