19 de mayo de 2017
19.05.2017

Carlos Casares permanece en Cangas

Autoridades políticas e académicas descubren no IES María Soliño unha placa de homenaxe ao recoñecido escritor e mestre no instituto de Rodeira na década de 1970

19.05.2017 | 18:22
Xosé Manuel Pazos e Arancha Vega descobren a placa en presenza de alumnado e autoridades. // G.Núñez

"En memoria e agradecemento a Carlos Casares Mouriño, un dos máis ilustres membros do claustro deste instituto. Cangas, 18/05/2017. Semana das Letras Galegas". É o texto da placa descuberta onte ás portas do instituto María Soliño, donde imparten maxisterio algúns dos que foron alumnos do homenaxeado no IES de Rodeira. No acto, con representantes da Corporación municipal, da Fundación Carlos Casares e da comunidade educativa, houbo referencias a aqueles anos de vida no Morrazo compartidos co mestre e agradecementos á súa figura e obra académica e literaria.

"Esta é unha das etapas máis fermosas da vida", coincidiron en lembrarlle aos estudiantes varios dos promotores e convidados ao acto que pechou coa interpretación do himno do Antigo Reino de Galiza pola banda de gaitas María Soliño. Foi despois de que o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, e a directora do instituto, Arancha Vega, descubriran a placa en memoria de Carlos Casares en presenza dos concelleiros de Cultura e de Obras e Servizos, Héitor Mera e Mercedes Giráldez, do edil do PP Rafael Soliño, do representante da Fundación Carlos Casares, Xavier Valverde, mestres e alumnos do centro e outros convidados.

Mera, exalumno deste instituto, abriu o turno de intervencións cun recordo de "gratitude e agradecemento" ao persoal e falou da xustiza que supón esta homenaxe "ao profesor, escritor, literato e creador" que foi Carlos Casares, "que deixou unha pegada fonda en distintas xeracións deste instituto e en moitas persoas que manteñen viva esa lembranza". "Máis que unha placa dos espazos é unha placa dos afectos", incidiu para aclarar por que se ubica no instituto María Soliño e non no de Rodeira, donde Casares impartiu clases nos anos 70. Tamén repetiu que será nomeado Fillo Adoptivo da Vila de Cangas, antes de dar paso a Xavier Villaverde, membro da Fundación que leva o nome do homenaxeado este ano polas Letras Galegas.

"A familia de Carlos Casares quería estar aquí con vós, pero non puido porque ten que atender distintos actos", aclarou, ainda que si comprometeu a súa presenza na proxección dun documental que terá lugar hoxe, ás nove e media da noite, no Auditorio. "Carlos -e tamén a súa muller, Kristina- quedou prendado de Cangas, do Morrazo, do seu mar e das súas xentes. Aquí pasou unha das mellores etapas da súa vida", tanto desde a óptica literaria como persoal, lembrou, e agradeceu as atencións recibidas.

Pedro Pablo Riobó, profesor do instituto María Soliño e alumno de Carlos Casares na década de 1970 en Rodeira, aludiu a que foi unha das figuras que celebrou o nacemento do Día das Letras Galegas, en 1963, co centenario da publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, e co tempo ía ser el o homenaxeado. "Algún día pódevos pasar a vós", avisou aos alumnos e alumnas presentes, que o recibiron con sorrisos. Riobó rematou animando "a ler a Casares, a buscalo na súa literatura".

A continuación tomou a palabra Xosé Martínez, tamén mestre no IES María Soliño e daquela alumno de Casares. Leu un fragmento dun "Recordo estudiantil" daquela etapa, a mediados dos anos 70, que repasou con cariño e cargado de referencias literarias e anécdotas cos personaxes e experiencia vividas.

O alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, recoñeceu que "non tivo a sorte de ser alumnos de Carlos Casares", pero si de compartir encontros e experiencias académicas e políticas, de ter lido toda a súa obra e de disfrutar desa faceta creativa. Respaldou o nomeamento de Casares como "Fillo Adoptivo" de Cangas e enmarcou o acto no IES María Soliño como "outra proba do nivel deste instituto", que animou a aproveitar: "Estades no mellor época. Estudiade, traballade e lede a Carlos Casares".

A directora do centro, Arancha Vega, calificou de "honra que Carlos Casares formara parte do claustro nove anos" e agradeceu o respaldo académico e institucional entre os aplausos do público.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine