Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Apenas catro de cada 100 nenos de Moaña se expresa en galego de xeito habitual

-Só o 20% dos pais do municipio falan maioritariamente aos fillos no idioma propio -Quintela é o colexio que máis emprega esta lingua na educación e no lecer

Reunión, onte, entre o concelleiro e os representantes dos centros escolares. // Gonzalo Núñez

Na semana na que se celebrou o Día das Letras Galegas, Moaña coñece os resultados da súa primeira enquisa sociolingüística na que participaron todos os centros escolares de Primaria e Infantil do municipio. A enquisa contou coa participación de 1.039 familias e os resultados non poden ser máis desalentadores. Obsérvase claramente o abandono drástico do idioma propio de xeración en xeración, cun descenso no uso pero tamén na transmisión oral ás xeracións máis novas. Queda reflexada a ruptura dun diálogo en galego dos nenos cos seus maiores, según conclúe o informe final sobre os datos que redactou o Concello.

A idea de unificar todas as enquisas das escolas partiu do concelleiro de Ensino, Aldán Santamarina, para contar con datos globais sobre a situación do galego en Moaña. Aínda que o 64% dos avós falan maioritariamente en galego, a lingua de Rosalía só é empregada de xeito habitual por o 30% dos pais dos alumnos de Moaña. En canto aos propios nenos, a cifra cae drásticamente ata unha media dun 4%. Este dato alarmante sobre o futuro do galego en Moaña reflexa un uso un pouco maior entre os nenos, cun 5%, que entre as nenas, das que apenas 3 de cada 100 falan sempre ou habitualmente na lingua propia. O 52% dos pequenos falan exclusivamente en castelán e un 43,4% se expresan neste idioma de xeito maioritario.

As porcentaxes de uso descenden cando os maiores falan cos nenos e, no caso de que se lles fale en galego, estes respostan masivamente en castelán. O 38% dos avós falan maioritariamente en galego cos seus netos, pero apenas un 7% destes respostan nesa lingua. No caso dos proxenitores, falan en galego cos fillos 20 de cada 100 pais e apenas o 11% das nais.

As familias recoñecen que os seus fillos aprenden a falar en castelán no 72% dos casos. Son bilingües dende os seus primeiros anos 23 de cada 100 nenos moañeses e apenas un 4% son educados en galego dende as súas primeiras etapas de desenvolvemento.

A presenza do galego nas actividades culturais, de lecer e nas relacións de amizade é case sempre maioritario. Apenas se salva a lectura, onde máis da metade dos libros que se len en Infantil e Primaria son no idioma propio. De todos os xeitos se nota unha disparidade por centro. No CEIP Quintela é onde máis se le en galego cunha nota de 7,3 sobre 10. No extremo contrario se atopa o CEIP Reibón, cunha nota de só o 3,3 sobre 10.

No eido da música esta disparidade é todavía máis abrupta. Mentres na escola infantil de Berducedo a maior parte da música está en galego, no CEIP Reibón as familias entenden que a presenza de música no idioma propio é testimonial.

Profesorado

Entre os profesores, o 55% se expresa en galego, aínda que a presenza é dispar dependendo dos centros. O colexio de Quintela e a Infantil de O Con superan o 80% de profesores falando en galego. Seara e Berducedo superan o 70% e en Tirán e Abelendo máis da metade dos educadores falan na lingua propia.

Nos datos máis baixos volve a estar Reibón, cun 34% de mestres galegofalantes. En Domaio representan apenas o 36% dos docentes e na Guía o 46%.

Compartir el artículo

stats