Cun libro nunha man e cunha flor de toxo na outra. Así se presentou onte Miriam Ferradáns para o seu emotivo e intenso pregón na Romaría das Letras Galegas de Bon. Cun libro, cunha flor de toxo e "co corazón na gorxa", recoñeceu chea de emoción. Onte xogaba na casa, na súa aldea de Bon e no adro de Sanamedio. Ao pé do monolito que recorda que a este lugar lle cantou xa hai uns cantos séculos o trobador Xohán de Cangas. O seu foi un pregón adicado á memoria colectiva e a aldea, a de Bon e a outras como a de Bon. "Na aldea nunca hai mans baleiras, nin supervivintes, nin aprendizaxe que non se crave como espiñas", dixo no seu pregón para explicar a súa presenza coa flor do toxo.

O discurso foi a apertura dunha romería que este ano cumpre a súa maioría de idade e que volveu ser unha festa e reivindicación da cultura propia ao través do pregón de Ferradáns e das diversas actuacións musicais dos grupos tradicionais convidados, como Pais de San Roque, Os Liboreiros, Anaquiños, Inter Noi, Retrouso, Escola de Danza Vila de Baiona ou a comparsa Vou nun Bou. Onte había que ter un ollo pendente do ceo, que durante algúns momentos ameazaba con descargar choiva, aínda que finalmente non foi así."18 anos convirten este encontro en tradición: a tradición de honrar a nosa lingua, a nosa cultura", lembrou Miriam Ferradáns na súa sentida intervención.

A súa elección como pregoeira foi unha decisión que dende a Asociación Cultural Sanamedio tiveron moi clara dende o principio. Despois de tantos premios recollidos nos últimos anos querían que Miriam Ferradáns poidese ser "profeta na súa terra". O encargado de presentar á poetisa foi o alcalde, Félix Juncal, quen destacou dela "o seu sentimento da terra". Un recoñecemento a unha moza da aldea e da parroquia, que leva colleitados numerosos premios nos últimos anos. Como o XXIX Premio Nacional Pérez Pallaré o pasado sábado en Fene co seu poemario "Nomes de fume", que era o libro que portaba onte na man. Ou como o XX Premio Francisco Añón de Serra de Outes que recolleu onte mesmo pola tarde por "Deshabitando unha casa", un poemario ao que a autora se referiu onte como se fose o seu "primeiro fillo".

O seu pregón colleitou aplausos e bágoas. Bágoas de emoción por parte do público. Porque invocou os nomes da aldea, os nomes dos lugares e das xentes. Masela, campos de Elvira, Borrallido, Monte do Lobo, Rosalía, María, Carmucha, Carmiña, Alejandro, Rosa, Cristina, María, Pepe, Claudina... "Estou orgullosa de ser de Bon, si, eu son de Bon. Pertenzo a esta terra,a este vento e a esta xente. E fágoo agradecidísima porque nunca cando eses ventos viñeron feridos, nunca me deixastedes á intemperie", proclamou agradecida.

"Dende aquí véxovos a todos e podería nomearvos un a un porque somos memoria colectiva. Sei daquel himno que tiña Bon; do coro; das guerrillas de lindes con Aldán que máis dunha vez e máis de dúas e máis de tres acabaron en voda; seis dos burros que se ferraban nunha casa hoxe en ruínas; sei de cando viña o cañeiro; sei da pulcritude de cumprir cos turnos de rega. Teño memoria de Bon, de cando andaban descalzos, de cando os veciños pasaban noites enteiras na casa dos defuntos", enumerou no seu pregón, conseguindo arrancar sorrisos e moita emoción entre os presentes. "Como non vou ser agradecida con persoas que me ensinaron tanto? Como podería obviar tanta beleza nos meus poemas?", preguntouse nunha parte da súa intervención.

O pregón de Miriam Ferradáns Ferradás para esta maioría de idade da Romaría das Letras Galegas de Bon foi como un berro orgulloso, un golpe enriba da mesa para invocar e reinvidicar o que é noso, o que é ser de aldea. "Orgullosa de ser unha muller de aldea rodeada de futuro e presente, ese que está aquí hoxe e do que eu me sinto tan fachendosa porque sei que son rapaces e rapazas dispostos a conservar a flor do toxo antes e depois da primaveira", suliñou nomeando a algúns dos pequenos que estaban entre o público en Sanamedio.

Na súa intervención houbo un espazo tamén para Carlos Casares, a quen se lle adica este ano o Día das Letras e de quen lembrou a súa relación co Morrazo ao través do antigo instituto de Rodeira. Pero tamén houbo tempo para a reivindicación alta e clara: "O ano que vén queremos que a homenaxeada nas Letras Galegas sexa unha muller, como o foi alá polo 1963 Rosalía de Castro".

Tamén citou con toda a intención e orgullo a un dos grandes autores galegos aínda vivos, Xosé Luís Méndez Ferrín, quen fai pouco referiuse ao través do Faro da Cultura, que se publica os xoves con FARO, ao lugar de Sanamedio, un lugar sagrado. "A ermida nos beizos do pobo contemporáneo é Sanamedio, cando os actuais habitantes do Morrazo sexan mortos, os fillos e os fillos dos seus fillos seguirán a acudir a Romaxe de Sanamedio. De San Mamede do Mar". E tamén lembrou a Álvaro Cunqueiro para desexar "mil primaveiras máis para a nosa lingua".

Que así sexa.