A Romaría das Letras Galegas voltou hoxe ao fermoso lugar de Sanamedio, no lugar de Bon, na parroquia de Beluso. Unha festa que despois de algún que outro altibaixo cumpre 18 anos. A súa maioría de idade. “18 anos convirten este encontró en tradición: a tradición de honrar a nosa lingua, a nosa cultura”, afirmou durante o pregón a poetisa Miriam Ferradáns. Foi un pregón especial, cheo de emoción e intensidade. A moza é precisamente veciña de Bon e nos últimos anos colleitou un bo feixe de premios pola súa poesía. “Teño que recoñecer que xogar na casa faino todo máis intenso, máis íntimo”, dicía hoxe no seu discurso. Antes foi presentada polo alcalde da vila, Félix Juncal, quen destacou o profundo “sentimento pola terra” da pregoeira.

A Asociación Cultural Sanamedio, que xunto a Os Liboreiros e Grupo de Danzas Pais de San Roque, encárgase da recuperación e organización da romaría quería coa elección da pregoeira renderlle unha homenaxe a Miriam Ferradáns, que puidese sentirse “profeta na súa terra”. E a moza respondeu cun pregón que foi un alegato na defensa da memoria colectiva e da aldea, tanto da de Bon como outras coma Bon. Invocou nomes de lugares e de personas. Proclamou o seu inextinguible orgullo de ser de Bon e o seu agradecemento porque “cando os ventos viñeron feridos nunca me deixastes a intemperie”. “Orgullosa pois de ser unha muller de aldea rodeada de futuro e de presente”, dixo referíndose aos nenos e nenas que estaban no adro de Sanamedio e citando a máis de un polo seu nome.

Un adro de Sanamedio que é un lugar especial, sagrado. Un espazo onde está un monolito no que se lembra que xa hai un cantos séculos o trobador Xoán de Cangas lle cantou a este lugar. Ferradáns lembrou as verbas de Xosé Luís Méndez Ferrín, que hai uns días en FARO facía referencia ao Sanamedio: “A ermida nos beizos do pobo contemporáneo é Sanamedio. Cando os actuais habitantes do Morrazo sexan mortos, os fillos e os fillos dos seus fillos seguirán a acudir a Romaxe de Sanamedio. De San Mamede do Mar”.

Durante o seu discurso Miriam Ferradáns non se esqueceu de lembrar a figura de Carlos Casares, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas e cunha estreita vinculación co Morrazo. E aproveitou para facer unha “petición”, máis ben unha reivindicación, alta e clara. “O ano que vén queremos que a homenaxeada nas Letras Galegas sexa unha muller, como o foi alá polo 1963 Rosalía de Castro”.

A pregoeira vén de recoller este sábado o XXIX Premio Nacional Pérez Parallé, en Fene, polo seu poemario “Nomes de fume”. Precisamente esta tarde ten que volver a desplazarse, esta vez a Serra de Outes para recoller o XX Premio Francisco Añón, esta vez polo poemario “Deshabitando unha casa”, un libro que considera case como o seu “primeiro fillo”. Hoxe presentouse para a lectura do pregón cun libro nunha man, o seu poemario “Nomes de fume”, e na outra unha flor de toxo. E tamén “co corazón na gorxa”, confesou. “O símbolo é sinxelo: na aldea nunca hai mans baleiras, nin supervivintes, nin aprendizaxe que non se crave como espiñas”.