Ao artista cangués Agustín Bastón ocorréuselle un día converter en libros os tacos de madeira de distintas especies e entregalos a persoas coas que ten afinidade ou que considera que teñen cousas que aportar para que interveñan sobre o soporte e lle dean outra vida. Non teñen que estar necesariamente relacionadas co ramo das artes, e de feito participan desde arquitectos a dentistas, carteiros, deportistas, albaneis, mestres, xornalistas ou terapeutas. "Cada unha dalle contido ao seu antollo: con texto, ilustracións, tallando a madeira... Non se repiten as ideas e tampouco as madeiras que lles serven de soporte, das que hai miles de especies no mundo", sinalaba o promotor desta singular iniciativa ao presentala. Hoxe inaugura a terceira edición sumando 27 novas obras ata acadar as 83.

A Biblioteca de Madeiras do Mundo, que é como a bautizou, abre as portas esta mañá na sala de exposicións que se atopa a carón do aserradeiro de Soage e donde poderá disfrutarse ata o próximo día 28 en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00, de luns a sábado. Os domingos estará aberta só en horario de mañá. Entre os autores e autoras que se foron incorporando nos últimos 12 meses figuran Chema Cordeiro, Adela G.A., Doris Arenas, David Middleton, Lito Portela, Alicia Valle, Carmen Vázquez, Patricia Sanluís, Pepe Cáccamo, Luis Buján, Piedad Rosende, Armando Sandín, Ana Pastoriza, Eugenia Rodríguez, Ricardo Fernández , Manolo Pena ou o xaponés Mooto, que hoxe entregará unha peza realizada en ciprés de Sawara, usado tradicionalmente na construcción dos templos asiáticos.

O carballo, galego, americano, francés, alemán dos pantanos ou híbrido, a ameixeira, a tulipífera chinesa, o kotibé africano, a grapia de centroamérica, o eucalipto roxo, o salgueiro común, a hevea (árbol do que se extrae o caucho), a mimosa, a araucaria, a xesta, o ciprés de Portugal, o mirto xapónica, o cedro canadense ou o cedro do Líbano son algunhas das madeiras sobre as que traballaron os recén incorporados, con obras de títulos tan suxestivos como "La misteriosa vida de las matemáticas", "Karpinterbook", "Bosque de fadas" ou "Voy a contarte la historia de mi vida..." Esta e outras historias, desde hoxe na sala de Agustín Bastón.