A festa grande da cultura galega volve ao privilexiado adro do Sanamedio, coas súas fermosas vistas sobre a ría. O Concello de Bueu, a Asociación Cultural Sanamedio, a banda de gaitas Os Liboreiros e o Grupo de Danzas de San Roque decidiron unirse para recuperar unha das citas que se convertira nun dos emblemas do 17 de maio en Bueu: a Romaría das Letras Galegas.

A cita será o mércores 17 de maio e a romaría contará co seu correspondente pregón. Nesta ocasión era imposible escoller mellor: a pregoeira será a poetisa Miriam Ferradáns, natural do propio lugar de Bon e que nos últimos anos colleitou un bo número de premios literarios. Precisamente hoxe recolle en Fene o XXIX Premio Nacional de Poesía Pérez Pallaré e o propio mércores, despois do acto, irá a Outes a recoller outro galardón. "Queremos que sexa unha especie de acto de recoñecemento, que dalgunha maneira sexa profeta na súa terra", explica Javier Ferreira, presidente da Asociación Sanamedio. Despois do pregón está previsto que a autora poda asinar algúns dos seus libros.

O pregón será ás 12.00 h, despois da presentación do alcalde, Félix Juncal. Ás 12.30 h comezará un concurso de debuxo para os máis pequenos cos temas das Letras Galegas e Sanamedio. Tamén será o momento no que comece o festival de música tradicional cos grupos de adultos, coa presenza de Pais de San Roque xunto a Os Liboreiros e logo o Grupo Folclórico Anaquiños. A partir das 13.30 h haberá xogos populares como tiro da corda, zancos, carreiras de sacos?

No entorno do adro de Sanamedio haberá posto de venda de comida e bebidas, con callos, churrasco e polbeira con prezos populares, entre outros, para a xente que decida pasar alí o día. A programación retómase pola tarde con festival folclórico infantil, que esta vez contará co Grupo de Danzas San Roque e As Falcatrueiras e a Asociación Cultural Retrouso de Cela. Ás 17.00 h actuará o grupo Inter Noi e as actuacións dos grupos infantiles voltarán ás 17.30 h, esta vez con Anaquiños e a Escola de Danza Vila de Baiona.

As 19.00 h rematará o concurso de debuxo coa entrega de premios aos gañadores e o peche será a partir das 19.30 h coa actuación da comparsa Vou nun Bou.