Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sonsoles Penadique: "Miles Davis foi o primeiro en fusionar o jazz e a música tradicional galega"

O grupo preséntase hoxe no Aturuxo, na vila da que toman o seu nome artístico

Sonsoles Penadique co acordeón diatónico xunto a Wilfried Wilde. // Azul de Bueu

Ningún dos seus integrantes é natural de Bueu, mais o seu nome artístico é unha clara evocación á vila do Morrazo: Azul de Bueu. O grupo está integrado por seis músicos de renome e o pasado mes de marzo ofreceron no Teatro Principal de Pontevedra o seu concerto de presentación. Para o segundo, como non podía ser menos, o lugar tiña que ser Bueu e a sala Aturuxo. Alí estarán esta noite Sonsoles "Penadique" Martínez (voz e acordeón diatónico), Xosé Miguélez (saxo), Wilfried Wilde (guitarra), Alexandre Touceda (contrabaixo), Iago Fernández (batería) e Virxilio da Silva (guitarra e dirección artística). Será a presentación do seu disco, titulado tamén "Azul de Bueu" e que está editado por Free Code Jazz Records. O concerto de hoxe será ás 21.00 horas e a entrada custa 5 euros.

-Comecemos polo nome. No grupo hai músicos do Morrazo, como Iago Fernández, ou afincados na comarca, mais ningún de Bueu. Por que Azul de Bueu?

-[Risos] Wilfried Wilde é natural das Landas, en Francia, pero vive en Bueu, en Lapamán, que é un sitio que sempre me gustou moito. Eu son de Pontevedra e pasei alí moitos veráns, era case como a praia de Pontevedra. Logo queríamos un nome para o grupo que incluise un pigmento, unha cor e unha localidade. O de incluir unha referencia de toponimia é moi frecuente nos grupos da música tradicional galega. Así que barallamos varias opcións e ao final quedamos con Azul de Bueu. O de azul está moi relacionado co termo inglés "blue", que aparece en moitas cancións e discos, como "Kind of blue", Blue green" ou "Blue moon". Tamén hai outra razón moi divertida para escoller Bueu: xusto cando estabamos a ensaiar ao meu fillo regalaronlle un libro chamado "Once damas atrevidas", editado por Kalandraka, e ao final ten unha referencia a Bueu [risos].

-Supoño que depois de todo iso que me acaba de contar vir a Bueu era algo que estaba cantado?

-Por suposto, era case como unha obriga. Despois do concerto de presentación no Teatro Principal de Pontevedra a segunda actuación tiña que ser en Bueu, que ademais é un lugar moi fermoso.

-Cales son as orixes deste proxecto musical tan singular, que une jazz e música galega?

-Eu procedo do mundo da música tradicional. Fun pandereteira, cantareira, gaiteira e toco o acordeón diatónico. Pero jazz sempre me gustou moito e incluso estudar o estilo e incluso canto de jazz. Ademais coñecía o traballo do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (SPJ) e hai tres anos comecei a ir as súas clases. Básicamente foi así como comecei a ter contacto con todos estes músicos. Eu sempre tivera a idea de fusionar a música tradicional galega con jazz porque comparte moitas cousas co jazz máis moderno, era algo que sempre vin factible. Pero non só a música tradicional galega, senón a europea. Cando escoitei unha das gravacións de Miles Davis na que fusionaba a música galega e o jazz abríronseme os ollos. Cando a descubrín estaba en Santiago, alá polo ano 1999, e naquel momento aínda non era un referente. Hoxe en día ese tema si que é todo un referente.

-Esa é unha historia que ben merece ser contada?

-O tema chámase "The pan piper" e está no seu disco "Skteches of Spain". El coñeceu a canción a través das gravacións que fixo o musicólogo Alan Lomax, que estivo en Galicia durante os anos 50. Un dos informantes aos que gravou era un afiador de Ourense que lle interpretou unha alborada preciosísima cun chifre. Miles Davis inspirouse nesa gravación para o seu tema, que é unha versión brutal. Foi o primeiro en fuisonar o jazz e a tradición musical galega.

-Como está sendo a acollida por parte do público e os músicos?

-Os primeiros músicos en escoitalo nos decían que estaba xenial, pero que era moi arriscado, que non nos íamos comer un rosco. Pero á xente estalle gustando. O feito de que exista voz fai que sexa distinto, un pouco máis accesible. As melodías son moi cantables e creo que as cantamos moi clariñas.

-E vostede como canta? Máis cerca do blues e do jazz ou máis apegada a tradición galega.

-Non sei! Canto como Sonsoles, que son unha tipa super salada! [gargalladas] Creo que canto dun xeito bastante equilibrado, pero pesan moito os anos de música tradicional cos seus xiros e ornamentación. Ao principio foi un pouco duro porque no jazz o una bossa nova voces son todo o contrario, moi relaxadas e eu chegaba coa miña técnica de cantareira. Pero ao mesmo tempo é tamén moi enriquecedor. E tamén está a influencia da miña xuventude, que a pasei en concertos de Pearl Jam e Soundgarden! Así que a influencia do rock e o grunge tamén está aí.

-Como foi a gravación?

-Os temas son todos tradicionais galegos, extraídos de cancioneiros e arranxados por Wilfried. Moitos son do Cancioneiro de Dorothé Schubart, tamén hai un do Casto Sampedro e do libro Manuele de Xandre Outeiro, Amáis hai un par deles que foron recollidos por Fernando Martínez de Xacarandaina, pero que non están en ningunha publicación. A gravación foi nun tempo récord, nunha fin de semana. ten o bonito de que foi unha gravación en directo, todos xuntos nunha sala. Ten un sonido como suxo, pero tamén a maxia do directo.

Compartir el artículo

stats