O vindeiro mércores celébrase o Día das Letras Galegas e nestes días multiplícanse os actos de recoñecemento á figura de Carlos Casares, autor ao que se lle adica este ano a efeméride. Onte mesmo tivo lugar en Cangas unha mesa redonda ao redor do escritor, chamada "Lembranzas de Carlos Casares", e na que interviñeron Henrique Harguindey, Damián Villalaín e Xavier Castro xunto a representantes da Fundación Carlos Casares. O autor tivo unha fonda relación con Cangas xa que foi mestre no antigo instituto de Rodeira durante nove anos, de 1974 a 1983.

Os actos continúan hoxe en Bueu, onde haberá unha representación teatral para os centros escolares. A partir das 11.00 horas Ana Carreira e Manu Polo farán unha representación teatral de "A galiña azul", un dos libros de Carlos Casares. Nesta adaptación os actores incluén narración oral, manipulación de monicreques, interpretación naturalista de personaxes ou a técnica do clown, entre outras. A función, que a organiza a Concellería de Cultura de Bueu, será no Centro Social do Mar e dirixida a todos os centros escolares da vila.

Mañá venres haberá novas charlas ao redor da figura do autor. No salón de plenos de Moaña estará Henrique Monteagudo, que presentará o libro "Carlos Casares, un contador de historias". Será a partir das 20.00 horas e xunto ao autor haberá un grupo antigos estudantes aos que Carlos Casares lles deu clase en Rodeira. Monteagudo é catedrático na Universidade de Santiago e tivo a oportunidade de traballar con Carlos Casares no Consello da Cultura Galega e na Editorial Galaxia. O acto está organizado pola Asociación de Mulleres de Moaña e a Agrupación Cultural Nós, coa colaboración do Concello e de Galaxia. Ao rematar haberá unha actuación do Coro Chorima, da propia Asociación de Mulleres de Moaña.

Tamén mañá venres a Asociación Cultural Cacarexo organiza unha conferencia centrada en Carlos Casares. Será no Centro Cultural de Coiro, ás 20.30 horas e intervirá o profesor Pedro Pablo Riobó.