Para o gran público son coñecidos polos seu alter ego, esas dúas irmáns que tan famosas se fixeron no "Luar" da Televisión de Galicia: Nucha e Mucha. Pero a traxectoria artística de Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán vai máis aló destas dúas entrañables figuras. Esta semana estarán en Cangas para presentar no Auditorio o seu novo espectáculo, titulado "Agora en serio".

Pereiro e Touriñán ben poden ser Os Dous de Sempre: coñécense dende que estudaban no colexio de Tarrío, en Culleredo. Fixeron teatro de pequenos e compartiron afeccións como o balonmán. Este 17 de maio, con motivo das Letras Galegas, cúmprense xa quince anos dende a súa primeira actuación xuntos. Neste tempo, amáis das súas aparicións no "Luar" montaron un local de espectáculos en Carral e ata un produtora para dar renda solta ao seu talento como actores e creadores.

Para celebrar este aniversario tan especial presentan por nove localidades de Galicia o seu novo espectáculo, que aínda que se chama "Agora en serio" non deixa de ser un reflexo do que mellor saben facer Pereiro e Touriñán: a comedia e facer rir a gargalladas ao público.

"Agora en serio" é unha peza inédita que condensa a traxectoria de Os Dous de Sempre, pero con sorpresas. O público vai atopar moitas cousas que xa coñece destes dous cómicos, pero tamén algunhas novidades. "Unha cara de Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán menos coñecida, pero igual de divertida", avanzan.

O novo espectáculo está escrito por Manolo Cortés e está dirixido por Evaristo Calvo. Ao Auditorio de Cangas chega este sábado 13 de maio ás 21.00 horas. As entradas están á venda a través da páxina web ataquilla.com e os prezos van dende os 12 ata os 14 euros (máis unha comisión de xestión de 1,60 euros). Despois de estar en Cangas continuarán a súa xira por Pontevedra, Santiago, Vigo, Vilagarcía e A Coruña ata principios do vindeiro mes de xuño.