"O muíño é especial, e ao pasar por el penso en todas as cousas que no muíño deberon acontecer, tódolos contos que o muíño debe saber, tódalas cantigas que se cantaron baixo as súas tellas, tódalas conversas das que o muíño foi testemuña", debullou Luís O Caruncho, mentres o rodicio do muíño de Fausto xiraba e facía mover a moa grazas a un sistema de bombeo habilitado por Protección Civil para recuperar a auga curso abaixo, pois a seca que se está a padecer esta primavera deixou o regato sen caudal suficiente para cumprir ese cometido. "Con estas condicións, mesmo tiveron que traer fariña milla de fóra", apuntaban uns veteranos visitantes sinalando uns sacos de papel estibados sobre o antigo camastro no interior da acea.

O Caruncho aproveitou a estancia en Coiro para lembrar que xa fixera antes moitas tarefas no recinto, como visitante, gaiteiro, regueifeiro, zanfoneiro, tamborileiro, requinteiro e, agora, pregoeiro. Mesmo se atreveu a pedir choio no mantemento do contorno, que louvou como "lugar máxico e único, cheo da nosa vexetación máis autóctona e senlleira, grazas á sensibilidade e cariño de quen mima este lugar ano tras ano". Tamén referiu algúns dos topónimos que pobran a xeografía galega dando testemuña da importancia histórica, económica e social, que os muíños acadaron no seu día. "Por iso é tan necesario que se fagan festas coma esta, onde se lle rinda homenaxe a algo tan importante coma o muíño; festas onde se reafirme a nosa identidade como pobo. Onde parolemos, bailemos, protestemos, riamos, comamos, bebamos, esteamos xuntos. Onde vexamos continuar a roda da vida como a roda do muíño, co que nos trae e co que nos leva", culminou o pregoeiro, que non esqueceu facer un chamamento á defensa do oficio e da lingua galega, o papel das nais (onte era o seu día) e a desterrar actitudes machistas, antes de que a organización repartira agasallos aos colaboradores e a banda de gaitas Tromentelo interpretara o himno galego co acompañamento de parte do público.

A esas alturas, co reloxio achegándose ás dúas da tarde, o apetito xa se deixaba sentir entre o público que foi colmando o recinto conforme avanzaba a mañá. Empanadas de millo en distintas variedades, tapas de mexilóns, chourizos, ovos con migas e outras delicias gastronómicas propias das terras do Morrazo, regadas con xerras de viño, completaban unha festa dos sentidos na que tamén participou a artista Henrique Prado, que sementou o cunha exposición de singulares esculturas o espazo habilitado como merendero. Pola tarde, e co sol acompañando, o grupo de pandereteiras Lagharteiras e de folc Diese puxeron música popular a esta tradicional celebración.