Moaña acolle este martes a primeira parada do Correligua na provincia de Pontevedra. Baixo o lema "En galego, se cancelas", centos de estudantes de colexios de toda a comarca participarán en distintas actividades lúdicas e de fomento do uso da lingua propia de Galicia.

Os alumnos de Infantil e Primaria percorrerán o centro da vila dende o entorno da praia da Xunqueira ata o Palco da Música. Unha vez neste punto da alameda está previsto que gocen de actuacións musicais para nenos de "Tic, tac, toc", de Pablo Díaz.

O acto estará presentado por Luís Caruncho e participarán alumnos dos dous institutos de Moaña -As Barxas e A Paralaia- que lerán un manifesto a prol do galego no ensino.

O Correlingua é un evento organizado pola Mesa de Normalización Lingüística e pola Asociación Socio Pedagóxica Galega, que conta coa colaboración de concellos de todo o país e das deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra.

Trátase dunha actividade escolar que dura todo o curso. No primeiro trimestre se convocan concursos nos que o alumnado traballa e reflexiona sobre a situación do idioma mediante medios como vídeos ou banda deseñada. No mes de maio, finalmente, se celebran as carreiras pola lingua que percorren toda Galicia.

Son carreiras lúdicas e sen carácter competitivo, nas que o alumnado aproveita para amosar mensaxes a favor da súa lingua. O Correlingua é a maior actividade normalizadora de Galicia en canto á duración é número de persoas involucradas. En 2016 recibiu o premio Rosalía de Castro.