Esta historia transcurre nunha aldea chamada Inishmaan, na verde Irlanda. Pero se lle cambiamos o nome da aldea por calquera outro lugar do rural de Galicia non habería gran diferencia: é unha historia universal que ben podería acontecer aquí ou en outro lugar do planeta. O desexo de amar e ser amado como calquera outra persoa a pesar das eivas físicas. É "O tolleito de Inishmaan", un texto do autor irlandés Martin McDonagh e que está adaptada ao galego baixo a dirección de Cándido Pazó. Hoxe represéntase no Auditorio de Cangas a partir das 21.00 horas, con entradas a 8 e 5 euros.

A montaxe recrea unha aldea dos anos 30 na viven personaxes "curiosas, pintorescas, características... Seres máis ou menos adorables, máis ou menos odiosos que, nun mundo isolado, viven as súas vidas cativas como poden e como saben". O elenco está integrado por oito actores e actrices, entre os máis coñecidos e recoñecidos de Galicia polo seu traballo no teatro e o no mundo audiovisual: Evaristo Calvo, Ana Santos, Ricardo de Barreiro, María Roja, Luis Iglesia, Santi Romay, Marcos Pereiro e Susana Dans. Un deles, Santi Romay, interpreta ao tolleito, un home que ten un desexo case que imposible: trascender dese lugar tan pechado no que transcurre a súa vida e poder ser amado e valorado como calquera outro. Un desexo común a calquera ser humano, pero as veces tan difícil de acadar.

A montaxe corresponde a compañía Contraprioducións e vén de recibir ata cinco galardóns na recente gala dos Premios de Teatro María Casares: mellor adaptación, mellor acto protagonista (Santi Romay), mellor actor secundario (Evaristo Calvo), mellor actriz secundaria (María Roja) e mellor iluminación. Unha inmellorable tarxeta de presentación.