Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Patellani, fotógrafo italiano na Cangas de 1947

Foi un dos fundadores do fotoxornalismo e ao seu paso polo Morrazo captou a vida cotiá daquel tempo

"Case in pietra e viottolo" (Casa de pedra e pista, Cangas).

Federico Patellani nace na localidade lombarda de Monza en 1911. Está considerado un dos máis importantes fotógrafos italianos do século XX, expoñente da fotografía neorrealista.

Patellani realiza estudos clásicos de Dereito aínda que sempre amosou interese pola pintura e a literatura. Aos 24 anos empeza a traballar como reporteiro gráfico de guerra sendo o fundador do fotoxornalismo en Italia.

Realizou un importante traballo en Etiopía (1935) e viaxa enviado pola revista italiana Tempo a Iugoslavia no 1940 onde realiza un informe sobre operacións militares. Como fotógrafo na Segunda Guerra Mundial estivo no fronte do Este, na campaña de Rusia (asinando co pseudónimo de Pat Monterosso), na cidade de Milán bombardeada (1943) e en Valmontone (1945) cidade preto de Roma, destruída polos ataques aéreos dos aliados.

Nos primeiros anos 50 foi produtor de varias películas, en colaboración con Carlo Ponti, asistente de dirección de Alberto Lattuada e director de fotografía en varias obras producidas por Dino de Laurentis, coma a titulada "América Pagana".

Realiza varios documentais para a televisión dos que destaca a serie "Magic Italy", con fotografías do sur de Italia. Traballa para a revista Time e para publicacións italianas e estranxeiras dos cinco continentes. Funda unha axencia de fotoxornalismo moderno co obxectivo de ampliar os arquivos de fotos de todo o mundo.

Fotografou a intelectuais da época e a estrelas do cine e da música (Sofía Loren, Silvana Mangano, Anna Magnani, Roberto Rossellini, Visconti?). A literatura, a pintura e o cine foron actividades que influíron profundamente na súa paixón, a fotografía.

Federico Patellani asina o que vai ser o seu derradeiro traballo xornalístico en Ceilán. O gran fotógrafo do neorrealismo italiano falece en Milán en 1977.

O seu fondo fotográfico con máis de 700.000 imaxes, está depositado no Museo de Fotografía Contemporánea de Cinisello Balsamo. E grazas á colaboración dos seus herdeiros foron reconstruídos os móbeis deseñados orixinariamente para albergar todo o seu patrimonio fotográfico.

Federico Patellani visita Barcelona, Madrid, Portugal (Lisboa, Estoril, Cascais, Nazaré, Porto) e Galicia a mediados dos anos 40 (dende o 26 de decembro de 1946 ao 9 de xuño do 1947) inmortalizando coa súa cámara escenas do cotián de pobos e vilas (Cangas, Moaña, Baiona, Vigo...) da nosa terra, dun alto valor etnográfico.

En Cangas estivo no ano 1947, andou polas súas rúas, baixou pola do Hío, cara ao Eirado do Costal, fotografou casas e nenos nos tellados en Síngulis. Chegou á ribeira e tiroulle fotos aos mariñeiros cangando redes nos carros de bois e ás mulleres cos baldes de auga nas Pontes do río Bouzós.

Deixounos unha estupenda colección de fotos daqueles anos. Imaxes de Cangas: nenos, mulleres, mariñeiros e outras estampas da vila. Están depositadas no seu arquivo da Lombardía para regalía de todos.

Agradecidos quedamos.

*Membros de A Cepa

Compartir el artículo

stats