María Reimóndez é a gañadora do XX Premio de Poesía Johán Carballeira, que concede o Concello de Bueu. O xurado reuniuse esta mañá nas oficinas da Concellería de Cultura para valorar os case medio cento de poemarios presentados a concurso e finalmente elexiu como gañadora a obra "Galicia en Bus", que resultou ser da autora lucense.

O xurado estivo composto polos autores Pura Tejelo, Ramón Nicolás e Antía Otero e como secretario estivo o coordinador cultural do Concello de Bueu, Xabier Framil. Os membros do tribunal destacaron que "Galicia en bus" é un libro de poemas que "recrea asuntos como a memoria e a identidade a través da perspectiva de xénero, articulando un percorrido territorial que se estende desde o íntimo ata o cartográfico".

O premio está dotado con 1.500 euros e o acto de entrega probablemente será ao longo deste mes de maio, coincidindo co mes das Letras Galegas. Hai uns días xa se fallou o galardón da modalidade de xornalismo, que por primeira vez foi compartido: Montse Dopico e María Obelleiro.

María Reimóndez é tradutora e intérprete (foi fundadora da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación) e conta cunha abundante obra, tanto en poesía, narrativa ou literatura infantil e xuvenil. Gañou xa diversos galardóns como Premio de Novela Mujeres Progresistas de Vigo en 2003 pola obra "O Caderno de Bitácora"; Premio Xerais 2014 coa novela "Desde o conflicto"; Premio Plácido Castro de tradución 2009 por la tradución da obra "Mary Prince, una esclava de las indias occidentales"; ou o Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de ensaio de 2013, por "Feminismos", escrito con Olga Castro.