Un cento de alumnos de 2º da ESO de todos os centros escolares da comarca foron seleccionados para competir ao longo da mañá de onte representando aos seus colexios e institutos no marco do primeiro Certame de Poesía Improvisada, onde amosaron axilidade mental para facer regueifas baixo certas condicións que propoñían os directores do evento: Pinto d´Herbón e Luís Caruncho. Tras un mes de obradoiros e fases previas en cada un dos centros, onte se disputaban as roldas finais, que arrincaron con 10 quendas de 10 alumnos cada unha. Os 20 mellores foron seleccionados para a penúltima quenda, onde se estipulou que o instituto As Barxas de Moaña resultou gañador ao ser o que meteu máis alumnos entre os 20 mellores.

O xurado encargouse finalmente de seleccionar aos catro mellores regueifeiros da comarca, que se enfrontaron nunha quenda final xa sen carácter competitivo. Os alumnos máis áxiles á hora de improvisar poesía foron Ana Piñeiro do colexio Eduardo Pondal; André Vázquez do IES A Paralaia; Pablo Cordeiro do IES María Soliño; e Adrián Pastoriza do colexio Compañía de María. Entre os aplausos dun público integrado polos 400 participantes nas roldas previas e polos seus profesores, as batallas dialécticas finais deron lugar a poemas que implicaban unha grande axilidade mental. Nalgunas probas os directores obrigaban a enlazar varias palabras, noutras daban o primeiro verso e noutras o cuarto e último. "700 refuxiados/nunha pequena baliza/este mundo é unha merda/non soporto as inxustizas", foi unha das coplas máis aplaudidas, de André Vázquez. "Non me gustan as pelexas/nin tampouco as palizas/ quero cambiar este mundo/non soporto as inxustizas", compuxo o alumno de Cangas Nicolás García na mesma proba, na que o final estaba fixado previamente.

Xurado

O xurado estaba integrado por catro persoeiros recoñecidos do mundo da música tradicional no Morrazo: O mestre gaiteiro Xavier Blanco, Guillerme Ignacio, Pili Gonçalves e Sara Malvido, da Banda de Gaitas Tromentelo. O instituto gañador levou de premio unha rosca de pan, mentres que os 20 alumnos que chegaron ás últimas quendas foron agasallados cunha palmeira de chocolate.

O certame, que partiu da colaboración das concellerías de Normalización Lingüística de Bueu, Cangas e Moaña, buscou mellorar a axilidade mental e o desenvolvemento dos alumnos en galego dun xeito natural, así como vincular a lingua propia de Galicia ao lecer. Os organizadores xa pensan en repetir a experiencia o vindeiro ano.