Dende comezos de abril todos os alumnos de 2º de ESO dos institutos e colexios da comarca se formaron e competiron no eido da poesía improvisada, grazas aos obradoiros impartidos por Luís Caruncho e Pinto d´Herbón. Hoxe un centenar de mozos de Bueu, Cangas e Moaña compiten no Auditorio cangués para amosar as súas capacidades de improvisación e a súa soltura na lingua galega. Desta cita sairán os mellores estudantes do Morrazo na arte da regueifa, unha disciplina tradicional galega con orixe nos casamentos e que volve a poñerse de moda por tratarse dunha variante propia das coñecidas "pelexas de galos" do rap.

Os 10 mellores alumnos de cada centro participarán no certame desta mañá, e entre o público estarán presentes os 400 que participaron nos obradoiros e que quedaron eliminados nas fases anteriores.

As probas de hoxe constarán de dúas partes, en grupos e mesturados por centros. Á segunda parte chegarán só os 20 mellores dese centenar. Terán que solventar probas como improvisar sobre palabras que lles vaian dando ou darlle continuidade a frases.

Os propios Luís Caruncho e Pinto d´Herbón se encargarán de dirixir a proba. O xurado estará formado por referentes da música tradicional do Morrazo como o mestre gaiteiro Xavier Blanco, Pili Gonçalves, Guillerme Ignacio e Sara Malvido da Banda de Gaitas Tromentelo.

O instituto que logre meter a máis alumnos na ronda final levará unha rosca de pan como premio.

Co obxectivo de que os xóvenes empreguen a lingua propia de xeito natural e a vinculen a actividades lúdicas mellorando a súa expresión nace este certame, no que colaboraron as concellerías de Normalización dos tres concellos da comarca. No primeiro dos obradoiros os alumnos recibiron incluso explicacións teóricas sobre a orixe das regueifas. A poesía en galego e a axilidade mental serán as raíñas da mañá de hoxe entre os estudantes da zona.