Vai xa para case tres décadas que a parroquia de Coiro leva festexando e poñendo en valor un dos elementos máis singulares da cultura e da tradición galega: o muíño. Este ano será novamente fiel a súa cita coa celebración das XXVIII Xornadas Culturais-Festa do Muíño, que terán lugar entre o 5 e o 7 de maio. Unha nova ocasión para desfrutar dunha ampla oferta cultural, lúdica e gastronomica ao redor do muíño.

A apertura das xornadas deste ano será o venres 5 de maio cunha charla do profesor e investigador Arturo Sánchez Cidrás, profesor xubilado do colexio de A Pedra (Bueu). Será no Centro Cultural de Coiro a partir das 20.30 horas e a súa conferencia estará centrada na posta en valor do patrimonio coas novas tecnoloxías.

O sábado 6 de maio a programación vén ateigada de actividades. A Asociación Cultural e Folclórica Tromentelo organiza no pavillón deportivo do colexio de Castrillón unha gran festa infantil, na que haberá xogos, atraccións... e que comezará a partir das 11.30 horas. Na mesma xornada do sábado inaugurase a exposición do escultor Henrique Prado, que este ano leva por título "A carón do muíño" e que estará situada no entorno do recuperado muíño de Fausto.

Este mesmo entorno encherase de música durante a tarde e a noite. Primeiro será ás 18.00 horas co Festival Infantil de Baile Tradicional, no que participarán os pequenos das agrupacións Pais de San Roque, Tromentelo, Peis D'Hos, Ximalveira e Lembranzas da Ría. Pola noite, a partir das 22.00 horas, será a quenda do folc tradicional coa presenza dos grupos Demos do Buraco e Virandeira Folc.

O día grande da festa será o domingo 6 de maio. A mediodía fará entrada no lugar a Banda de Gaitas Tromentelo, dirixida por Sara Malvido, e ao redor das 13.00 horas será o momento do pregón, unha honra que este ano correspóndelle ao músico popular Luís O Caruncho. Pola tarde, a partir das 17.30 horas volverá a música popular coas pandereteiras Lagharteiras e o co grupo musical Diese.

Os asistentes á Festa do Muíño poderán desfrutar dos elementos tradicionais desta celebración, como o pan de millo, empanadas, ovos con migas, comida campestre e degustación de produtos tradicionais. Dende a organización apuntan que ademais este ano haberá no lugar postos de venda de produtos naturais elaborados na parroquia.

A organización volve a correr a cargo da Asociación Cultural Cacarexo, coa colaboración da Xunta de Montes de Coiro, Tromentelo, Concello de Cangas, Deputación de Pontevedra, colexio Castrillón de Coiro e a empresa Pescados Marcelino.