Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Evangelio e Chiripa, municipais do Concello

Ambos comezaron a traballar nos anos 40, cando os veciños empezaban a convivir cos coches nas rúas

Evangelio e Chiripa con outro compañeiro nunha coñecida taberna de Cangas xunto a súa propietaria.

Evangelio Paredes Fernández foi, de certo, o municipal máis coñecido e popular de Cangas. Naqueles anos 40 tiña que dirixir o tráfico nunha vila onde os coches eran moi escasos e unha novidade que había que controlar. Nos días de mercado a cousa complicábase e na praza da Constitución os coches e as persoas tiñan que convivir. E para iso estaba Evangelio.

Facía rondas polas noitiñas e protexíase do frío apostado na esquina da farmacia de dona Socorro. Andando de vixilancia polas rúas do Sinal, por veces, atopaba a Serafín algo deteriorado. E alá se quedaba ao seu carón falándolle e convencéndoo para que se retirara a durmir e acompañalo á súa casa.

De compañeiro de oficio, e natural de santo Tomé , estaba José Piñeiro (Chiripa) que se fixo célebre pola frase a el atribuída de "Viva quen venza". Estaba empregado no Concello como municipal e cobrador de impostos. Todas as persoas das parroquias que traían cousas a vender no aterrado de Cangas (madeira, piñas, pico, estrume) e outros produtos básicos (leite, froita, chourizos e carne de porco) para o mercado semanal da vila, estaban obrigados a pagar uns impostos, nos fielatos do concello. Era un tremendo recadador. Sancionábate por tirar ao chan unha mondas de laranxa naqueles anos en que a veciñanza tiraba ao mar todo o lixo da casa. Pero si lle pedías que che puxera a multa por escrito, a cousa quedaba en nada.

Tamén era o encargado de ler os Bandos Municipais... "Se hace saber, que de orden del Señor Alcalde..." acompañado as veces por Secundino, O Gatito, Chingolo e Totonilo. Primeiro facía soar unha trompetiña cativa e coa outra man tocaba nun tambor para chamar a atención da xente. Logo botaban o pregón ou o bando que lle encomendaba o alcalde para comunicarllo á toda a veciñanza.

Serafín, que lle sacaba punta a todo, deixou escrito: "Chiripa, Chiripa, Chiripa/ compra un gabán,/ Chiripa, Chiripa, Chiripa/esa capa bótalla a un can". E, nas procesións cando Emilio Pichirol ía portando a cruz ou o pendón, Chiripa sempre andaba ao seu carón. Había que velo o dereito que ía!

Sabemos que naqueles anos había bastantes persoas que eran analfabetas, que non sabían ler. E algún municipal cando tiña que poñer as multas, pois debuxaba o que vía nas matrículas dos coches e púñao nos boletíns. Copiaba o que miraba: PO - 1940. E así ía zafando. Naturalmente que a maioría dos coches, practicamente todos, estaban matriculados en Pontevedra e levaban PO por diante dos números e a cousa ía ben desta maneira.

Pero resulta que, alá polos anos 40, nunha ocasión chegou a Cangas un viaxante que aparcou o coche mentres visitaba o comercio de Indalecio. Din que din que o municipal de vixilancia empezou a desconfiar de que aquel coche tiña algo raro. Mirábao e faltáballe algo. E deu en pensar que aquel coche fora roubado. E máis porque lle faltaba unha letra á matrícula. O viaxante de tecidos era asturiano e o coche estaba matriculado en Oviedo. Á matrícula só tiña a letra O e faltáballe o P como a todas as demais.

Anécdotas da dura posguerra. Lembrándoas rendemos homenaxe a todas as persoas que conviviron con nós neses difíciles anos. Despois viñeron novos municipais, Millán, Juncal e Amador Nuñez (O Jefe) para atender as necesidades dos cidadáns do municipio.

*Secretario e socio de A Cepa

Compartir el artículo

stats