Ainda que escasos, hai episodios que chaman a atención, neste sentido vehicular, como a recente e cuantiosa multa que a G. C. de Tráfico lle impuxo a un ciclista por circular polo arcén en sentido contrario e falando polo teléfono móbil... Unha das cuestións que a menudo se obvia é que montar en bicicleta non é simplemente montar en bicicleta. Moitos os que ignoran que unha bicicleta é un vehículo, segundo se recolle no Regulamento Xeral de Circulación (marzo 2014) , e polo tanto pasamos a converternos en condutores, ainda que non sexa un vehículo automóbil con motor. O usuario debe sinalizar as manobras, non circular cos cascos de música postos, non usar o móbil... e transitar só pola calzada e non por beirarruas e pasos de peóns.

Algúns concellos crearon ordenanzas que a día de hoxe transgreden o actual Regulamento Xeral de Circulación como permitir o paso de bicicletas polas beirarruas, polos pasos de peóns, por direccións prohibidas, por ruas peonís... infraccións que vemos a cotío como o moi exemplarizante paseo eleitoral de Rajoy, Aguirre e Cifuentes pedaleando por unha zona peonil, e tamén aquí nas nosas vilas (peonalización dos cascos antigos) pois os ciclistas (incluídos os nenos) só poden circular pola calzada, carrís-bici e parques. Que se fai moito a vista gorda neste asunto é palpable e que trazados como o do carril-bici de Cangas xeran a cotío discusións ao verse invadido por peóns que alegan que o seu firme é máis axeitado para o paseo que os espazos destinados a este fin... Tamén a falta de sinalización do carril-bici tén xerado algúns problemas nalgúns puntos como o cruzamento de peóns no peirao do transporte de ria que non sinala a preferencia destes nese tramo. Por isto e outras cousas, os ciclistas deben saber (a ignorancia da Lei non exime do delito) que en caso de denuncia non valen xa as vellas ordenanzas municipais. Cando un ciclista tén que circular por un paso de peóns ou unha beirarrua, debe desmontar e facelo a pé.