A música e cultura tradicional tomou onte durante un tempo as rúas e prazas de Cangas. Foi grazas á celebración da sexta edición do Festival Folclore na Rúa, que organiza o Grupo de Danzas Pais de San Roque. O certame celebrouse no palco instalado na explanada de Ojea, detrás do Concello de Cangas, pero previamente organizouse un desfile que saiu dende a rotonda de acceso ao porto e que foi pasadno pola Praza do Arco, Alameda Vella, rúa Eugenio Sequeiros e os xardíns do Señal antes de chegar ao punto de destino.

O Grupo de Danzas San Roque conta co acompañemento musical do grupo de gaitas Os Liboreiros e coas pandereteiras As Falcatrueiras. No festival de onte as agrupacións invitadas foron a Asociación Cultural Barca de Loimil, de Arbo, e o Rancho Típico Infantil de Vila Verde, en Portugal, unha agrupación que xa conta con máis de medio século de vida.

O Grupo de Danzas Pais de San Roque é dos máis veteranos da comarca xa que foi fundado en febreiro de 1986 por iniciativa dun grupo de nais e pais que querían aprender o folclore galego. Ao longo destes 30 anos contou con varias directiras e na actualidade está dirixido por Elena Fandiño Rodas, axudada por Sara Martínez Rial.