Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O teatro en Cangas 1975-1985 (XVI)

O nacemento da Mostra de Teatro Cómico e Festivo, en 1984, vai marcar o desenvolvemento cultural da vila e da comarca

O espectáculo "Festa rachada", de Titirití, en coprodución co Centro Dramático Galego, estivo tamén na primeira Mostra de Cangas. /Arquivo

"Todo comezou en 1982 cando un grupo de persoas, preocupado polo baleiro cultural de Cangas e a falta de perspectivas por parte das institucións, decide crear a Asociación Cívico-Cultural XIRIA co obxectivo de promover actividades culturais e formativas. Nacen así cursiños de actividades plásticas e teatrais ou de danzas do mundo para nenas e nenas, charlas sobre saúde, gravados rupestres, a OTAN ou Galicia ante o Mercado Común, recitais de música tradicional galega, actividades fotográficas, exposicións artísticas, etc.

Vai ser en 1983 cando a Direción Xeral de Cultura da Xunta de Galicia liderada por Luís Álvarez Pousa vai apoiar a creación dunha Mostra de Teatro de Cangas, con periodicidade anual e carácter "cómico e festivo".

Así narra os seus comezos Henrique Harguindey Banet que será o Presidente de Xiria durante os primeiros anos e de quen recollemos máis datos nesta crónica.

A Mostra de Cangas completaría coa denominación de Cómico-Festivo, a cartografía de Mostras que había había nese momento en Galicia: O Festival do Teatro Galego- Portugués de Cariño, a Mostra de Teatro Infantil Galego Xeración Nós en Ferrol-Terra e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. O patrocinio da Xunta de Galicia supuxo, segundo os datos disponibeis, un millón dúas centas mil pesetas.

O grupo fundador considerou unanimemente que a Mostra de Cangas debía ter un carácter cómico-festivo porque entroncaba coa tradición carnavalesca, lúdica e crítica presente sempre como marca e trazo da bisbarra.

O "Vai troulear a Cangas" sería a contraposición ao tradicional "Vai chorar a Cangas"xa que esta vila foi noutro tempo berce de prañideiras. Deste xeito a bágoa fúnebre transformaríase en bágoa de risa e humor.

Tentariase pois de programar durante unha semana compañías das distintas comunidades autónomas do Estado Español e de Portugal que tiveran en cartel montaxes de tipo cómico e festivo. Acordouse tamén que sempre habería actuacións de sala e de rúa e que non se esquecería ao público infantil, maiormente nas actuacións no exterior. Os prezos de taquilla para os espectáculos de interior serían populares e de balde os programados na rúa.

Coa participación principal de Xosé Manuel Pazos e Casilda Alfaro do Colectivo Múa, comezase a traballar na programación da Mostra que terá a súa primeira edición do 9 ao 16 de setembro de 1984.

As Compañías e os espectáculos programados foron:

*Caritel (Ourense):"Esto non é serio,señores"de Karl Valentin.

*Teatre Arca (Catalunya): "Secretos de un cubo"

*Colectivo Múa (Cangas): "Viva o duque, o noso amo" de Alonso de Santos.

*Cambaleo (Madrid) "Ave Roc" espectáculo de rúa. Música, acrobacias, zancos, lume.

*Teatro Estudio de Bilbao (Euskadi) "Los Pololos de Amama", espectáculo de rúa.

*Teloncillo de Valladolid (Castilla-León) "La Ganchitud" de Joan Brossa.

*TAI (Porto): "A historia do Gato Malhado e a Andorinha Sinhá" do brasileiro Jorge Amado.

*Titirití (Galicia): "Festa Rachada", espectáculo de rúa.

As representacións de sala foron no Cine Avenida. A entrada costaba 150 pesetas por función ou 100 con abono para cinco sesións.

Houbo incluso unha programación Off.Festival con dous sketches sobre a contaminación radioactiva e a posibilidade dunha terceira guerra mundial presentados polo Grupo Monecos de Cartel.

Ademais das actuacións houbo un "Obradoiro para fabricación de máscaras e cabezudos", dirixido por César Lombera e Asun Rivero. Ao remate presentouse o traballo realizado nun pasa rúas pechando a Mostra.

Outra das actividades paralelas foi unha mesa redonda sobre "O Teatro Galego Hoxe"na que participaron Manuel Lourenzo polo teatro profesional; Antón Lamapereira polo teatro afeccionado; Celso Parada, teatro escolar; César Lombera, teatro de rúa; Gustavo Luca de Tena, crítico; e Luís Álvarez Pousa, director xeral de Cultura pola administración. O moderador foi Xosé Manuel Pazos, que era o director da Mostra.

Completouse a programación con dúas exposicións. A primeira de Carteis, Máscaras e Libros de Teatro nos escaparates da Librería Vilafer e, a segunda,"15 anos de teatro galego" enviada pola Consellería de Cultura.

En diferentes notas de prensa da época pode lerse que a Asociación Cultural Xiria, organizadora da Mostra, queixábase de que o Concello de Cangas, a pesar das notificacións que se lle remitiran con anterioridade, non facilitaba o persoal de limpeza necesario e tampouco policía local que regulase o tráfico nas actuacións de rúa. De feito houbo que suspender unha parte da actuación de "Titiriti" ao non atopar un palco en condicións.

De calquera xeito o éxito desta primeira edición foi incuestionable e non só pola calidade dos espectáculos se non, e sobre todo, pola boísima acollida e apoio que tivo do público que encheu o Cine Avenida e mesmo participou moi activamente nos espectáculos de rúa e mesmo nos de interior.

Lembra Harguindey: "A certeira elección do carácter da Mostra viuse refrendada dende o primeiro día pola acollida e a participación da poboación canguesa. Cando na primeira actuación de rúa -na 1ª Mostra- os membros do Teatro Estudio de Bilbao comezaron as súas accións inconexas en distintos espacios da vila pareceu saltar un detonante na apracible tarde canguesa: o mozo que por problemas sentimentais decidía lanzarse dende un balcón recibía as palabras de consolo e ánimo das "vellas" que dende abaixo -sen sabermos realmente se estaban na vida real ou "facían teatro"- entraban no diálogo co personaxe, o "parvo" que coa súa maleta provocaba un impresionante lío de tráfico recibía as diatribas do municipal que, parecía crer que era real, ameazaba con levalo, as "actuacións" dos insospeitados actores e actrices superaban por veces as dos "teatreiros" e creaban un memorable boureo, propio da tradición carnavalesca e festiva canguesa.

A Mostra foinos ampliando a cada un de nós o noso concepto do Teatro e o noso respecto e admiración polos homes e mulleres que sacrifican todo por esa paixón. Eu, persoalmente, lembro o pequeno medo cando na 1ª edición vimos aparecer (con retraso) un coche ateigado de paus e bártulos na "baca". Baixaron os ocupantes e descargaron dela e do maleteiro unha escaleira, biombos, decorados plegados, instrumentos de música e un variopinto atrezzo. Máis de un pensamos: "Fíxemola boa! Que trouxemos aquí!". Pois ben, ese grupo portugués, que puxo en escena "A hestoria do gato maiado e a andorinha sinhá", sobre texto de Jorge Amado, foi unha das mellores lembranzas da Mostra de Cangas."

| As persoas que desexen facer aportacións ou suxerencias a esta nova serie poden escribir ao correo cronicateatromorrazo@hotmail.com

Compartir el artículo

stats