Un proxecto de fusión onde se afonda no repertorio máis antigo e tradicional galego para introducilo no universo do jazz e a música moderna, pero sempre dende o respecto á tradición e o afán innovador. Éste é o faro que alumea o proxecto musical de Azul de Bueu, un grupo composto por cinco músicos de recoñecido prestixio e percorrido na escena galega do jazz e música tradicional. Todos xuntos, e baixo a dirección artística de Virxilio da Silva, dan forma a Azul de Bueu, que presentará o domingo o seu traballo no Teatro Principal de Pontevedra [ás 12.00 horas, en sesión matiné].

Os integrantes de Azul de Bueu son Sonsoles Martínez (voz e acordeón diatónico), Xosé Miguélez (saxo), Wilfried Wilde (guitarra), Álex Touceda (contrabaixo), Iago Fernández (batería) e o propio guitarrista Virxilio da Silva. Non son de Bueu, pero o nome tamén ten a súa razón de ser. O de "azul" está relacionado coa voz inglesa "blue", que significa azul e que tamén ten como acepción triste ou tristeza. Ese termo "blue" está moi presente en títulos de discos e temas clásicos do jazz, como o caso do mítico "Kind of blue" do trompetista Miles Davis. Por outra banda, as cores soen levar asociados nomes de lugares e neste caso escolleron Bueu porque o grupo empezou a ensaiar nesta vila. "Tamén hai algunhas outras razóns, que son unhas sorpresas que se comentarán no concerto do domingo", avanzan.

Os compoñentes de Azul de Bueu explican que na actualidade existe en Europa unha corrente que aposta pola fusión da "música vernácula co jazz, música moderna e outras músicas modernas". Azul de Bueu quere "aportar o seu gran de area" neste sentido e por iso apostan por un tratamento deos temas tradicionais galegos dun xeito "moi semellante ao que os músicos de jazz trataron os standards de Broadway durante os tres primeiros cuartos do século XX".

Que significa todo isto? Pois a intención de coller elementos da tradición jazzística e da música tradicional galega e fusionalos para dar lugar a unha nova proposta na que non se perden de vista os sinais de identidade da tradición galega. Isto é, "que as muiñeiras e as xotas sexan bailables, que os cantos abertos sexan melodicamente intelixibles e que haxa retrousos cantables". En definitiva, "dosificar a innovación e facela chegar a un público máis amplo", explican os membros de Azul de Bueu.

Isto implica a presenza da voz e o canto nos temas do grupo. "A técnica vogal empregada aglutina a tradición oral galega e peninsular máis o xeito de natural de colocar a voz e os acentos dos cantantes de jazz e blues do século XX", explican os compoñentes. A isto hai que engador as modernas harmonías ideadas por Wilfried Wilde, guitarrista francés afincado en Galicia dende hai anos, que buscan un equilibrio entre "a rica linguaxe harmónica do jazz e o minimalismo e a sobriedade da tradición galega", onde predomina un uso moi comedido das harmonías.

Tamén destaca a presenza do saxofón, unha inclusión que obedece "a esa especial predilección galega polos instrumentos de vento, onde a riqueza na articulación e na ornamentación é primordial". O acordeón tamén ten a súa razón de ser posto que sirve "como base harmónica e instrumento de cor". O resultado final é unha proposta que se achega moito ao que ben podería denominarse como un auténtico "jazz galego".

Os temas musicais que forman parte deste primeiro traballo discográfico de Azul de Bueu están extraídos, na súa maioría, de cancioneiros e outros son o resultado da recollida moderna de etnomusicógrafos.