O poeta do mar retorna ao museo do mar por antonomasia. O mariñeiro Xosé Iglesias, que co seu primeiro poemario acadou un gran éxito, volta agora con “A relixión do mar”. O sábado estará no Museo Massó de Bueu para presentar estes novos poemas e xunto a el estarán o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o exdeputado do BNG Daniel Rodas. O acto será a partir das 20.00 horas e na súa organización colabora a Librería Miranda.

A primeira vez que Xosé Iglesias estivo no Museo Massó foi hai xustamente dous anos, para presentar “Transfusión oceánica”, un libro que foi todo un éxito editorial, con varias edicións e entre os libros máis vendidos de poesía en Galicia. Tamén había un video colgado en Youtube no que recitaba un poema titulado “Nove metros”, que é a eslora do seu barco, acompañado dunha buguina e que recibiu milleiros de visitas. Un poemario no que xa deixaba claro ata onde chegaba a influencia do mar na súa escrita: “Escápolle ás rimas, o mar é libre e por iso son partidario do verso libre”, dicía a FARO. Agora volve con “A relixión do mar”, un libro que xa foi merecedor do premio do IX Certame de Poesía Victoriano Taibo, concedido polo Instituto de Estudos Miñoráns e o Concello de Gondomar.