A compañía Aporía Escénica presenta esta fin de semana en Cangas unha obra coa que vén de gañar o Premio María Casares ao mellor texto orixinal. Trátase de "30 e tantos ósos", un espectáculo que aborda a problemática da muller en relación coas etiquetas impostas socialmente desde nenas, propoñendo a súa vez un camiño para rompelas e liberarse delas. A función será mañá domingo ás 20.00 horas, pero previamente onte a mediodía xa houbo unha representación destinada aos centros educativos da vila. Amáis, pola tarde estiveron na escola vella da parroquia do Hío impartindo un obradoiro teatral.

A dirección da obra corresponde a Diana Mera e as actrices que se suben ao escenario son Teté García, Merche Pérez, María Roja e a propia Diana Mera. "30 e tantos ósos" trata de ser a viaxe de catro mulleres de trinta e tantos anos que, cansadas de vivir agochadas baixo vidas prefabricadas e adoptando condutas alleas "deciden trascender a pel e a carne a través da figura mítica da Loba". O obxectivo é chegar aos seus ósos, "á materia máis elemental, onde se inscribe a súa historia persoal e colectiva e se atopa, desterrado, o seu potencial máis vital e salvaxe".

Percorrido metafórico

Dende Aporía Escénica explican que a peza que se representou onte e que mañá se volverá a poñer en escena está estruturada en cinco cadros que pretenden facer "un percorrido metafórico por toda unha vida para poder atopar as chaves que nos permitan desfacernos de todos os medos, condicionantes e ataduras sociais que nos impiden expresarnos con liberdade, recuperar o noso potencial máis vital e salvaxe, desterrar a obediencia e a submisión facendo fincapé naquelas ataduras que arrastramos polo feito de ter nacido mulleres nunha sociedade patriarcal ata á médula".

O proxecto de Aporía Escénica xurde con catro actrices e amigas que comparten afinidades éticas e estéticas, que deciden xuntarse para "explorar e reflexionar, desde unha perspectiva propia e persoal, sobre o concepto da honestidade", explican.