Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Cangas 1975-1985 (XII)

Ancoradouro continúa coa súa evolución en busca de "novos horizontes" en textos como "Nos espazos do soño"

Unha representación de "Nos espazos do soño". María do Carme González Otero, Tomás Camacho á guitarra e Silvia García González. Centro Cultural Caixa Vigo, setembro 1993. // FdV

"Nos espazos do soño" é unha historia de amor que arranca desde as Cantigas da Idade Media e vaise sucedendo nas diversas etapas do Renacemento, Barroco e Romanticismo. Para rematar, nun percorrido cíclico, de volta no medioevo. É unha obra resultado da perfecta simbiose entre lírica e música que se mixturan no espazo escénico, dotando de forza e intensidade a uns protagonista atemporais.

Os seus protagonistas son a Moza (Glauca) das Cantigas de Amigo de Xoán Airas e Martín Codax; André (O amigo) e Lía ( O trasno que rompe todas as perspectivas no paso do tempo)

O texto e a música están debidamente axeitados aos distintos espazos do percorrido histórico-literario.

Dramatis Personae: Narradora: María do Carme González Otero; Glauca: María do Carme González Otero e Silvia García González; Lía: María Xesús Casás Fernández. André: Tomás Camacho.

Música: Alfonso X, Vicenzo Galilei, Anónimo renacentista, G.Negri, Michael Praetorius, S.L Weis, M.Mussorgsky e Tomás Camacho.

Coreografía: Ancoradouro. Texto: Xosé Vázquez Pintor.

En conversa con Silvia González, unha das actrices e tamén deseñadora do programa de man, lembraba aínda a impresión que lle causou a interpretación coa guitarra en directo de Tomás Camacho. "Uns sos de guitarra que creaban unha atmosfera especial", comentou. Camacho sería anos despois catedrático deste instrumento e director no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

O texto, editado tamén pola Editorial Fervenza, foi recentemente presentado no Auditorio Municipal de Cangas. Inclúe na súa edición as partituras musicais e tamén un C.D.

En xuño de 1993 coas novas montaxes de "Nos espazos do soño" e "A fraga encantada" Ancoradouro rompe coa forma habitual que tiñan de facer teatro procurando, en palabras de Vázquez Pintor, "novos horizontes nos que apesares da existencia de diálogos pode apreciarse que a base continúa sendo a expresión corporal e o mimo".

Denantes xa houbera unha evolución do grupo que nos seus albores estivera unido ao Colexio de Castrillón. Se nun principio a iniciativa fora apoiada polo claustro de profesores e as familias, diversas circunstancias -problemas burocráticos, actitudes non positivas de algún profesor e mesmo o feito de que o alumnado que participaba deixaba polos seus estudos o centro- fixeron que Ancoradouro, chegado un momento, se fixese un grupo autónomo do Colexio.

Estre as persoas que máis se mantiveron no grupo participando nos últimos espectáculos están María Teresa Martínez, Sara Rodríguez, Pilar Rial e Mónica Camaño. Foi sen dúbida esta última -hoxe é actriz profesional- quen espertou o soño de Vázquez Pintor para que seguise coa arte do mimo en Galiza. Elas foran as pioneiras e polo de agora non tiveron continuidade?

Compartir el artículo

stats